A vixésima edición da feira monográfica náutico-pesqueira Expomar inaugúrase este mércores pola tarde para converter ao porto de Burela no auténtico punto de referencia do mundo do mar durante toda a semana
Do mércores ao sábado sucederanse diferentes actividades que volverán converter ao porto de Burela no centro de atención do sector pesqueiro, xa que, de forma paralela á feira, celébranse as Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial, que cumpren as súas 32ª e 26ª edicións, respectivamente, cos profesionais e entidades máis representativas do sector pesqueiro a nivel nacional e europeo, co futuro do sector pesqueiro a debate, abordando os principais retos e dificultades do momento na pesca.
O xoves 8 pola mañá celébrase nas instalacións de Armadores de Burela o 26 Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras, na que as entidades máis representativas da frota galega e outras asociacións nacionais reflexionan sobre os principais retos sectoriais en curso que condicionan a competitividade do sector.
Pola tarde comezan no salón de actos da Confraría de Pescadores de Burela as 32 Xornadas Técnicas, cuxa apertura correrá a cargo do conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, xunto coa presidenta da Fundación Expomar, Carmela López, e de Juan Manuel Elices, subdirector xeral de Caladoiro Nacional e Augas Comunitarias de Segepesca, en representación do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
A primeira Xornada, que como sempre se poderá seguir por internet desde a páxina de www.expomar.com, tratará, como é habitual, a xestión pesqueira e os principais retos do sector pesqueiro, confrontando as diferentes visións nacional, europea e internacional. A segunda Xornada, que se celebra o venres pola mañá, abordará temas como a socioeconomía, a sostiblidade, a saúde e o consumo de peixe.
Expomar 2025 abre as súas portas o mércores ás 17:30 e poderá visitarse ata o sábado en horario de mañá (de 10:30 a 14:30) e tarde (de 16:30 A 20:30); e aspira a superar as cifras dos últimos anos, con máis de 5.000 metros cadrados de exposición e 400 marcas de diferentes países representadas na feira.
Entre as novidades deste ano destaca unha nova distribución dos espazos dentro do recinto feiral, habilitando novas zonas para fomentar o networking durante o evento e cun amplo espazo aberto baixo carpa para diferentes presentacións ou demostracións gastronómicas.
Alí terá lugar o venres ao mediodía a clásica degustación gastronómica de produtos pesqueiros “Peixe de Burela” ofrecida por Armadores de Burela e a OPP Porto de Burela.
Este mesmo espazo acollerá o sábado ao mediodía o espectacular ronqueo dun gran exemplar de peixe espada de máis de 100 quilos de peso patrocinado por INTERFISH-España coa asistencia dos expertos de Matrice Tuna, que realizarán a arte do despezamento cunha técnica que combina a destreza, o respecto polo produto e o compromiso coa sustentabilidade.
E a continuación celebrarase unha degustación de receitas de peixe espada ofrecida pola OPP Porto de Burela, que é unha das entidades que forman Interfish, única interprofesional pesqueira que existe en España para a representación e defensa das especies do palangre de superficie.
En canto ao resto de actividades, o venres pola tarde celébrase na zona de presentacións a xornada informativa: “Axudas e apoio do IGAPE para empresas galegas”, a cargo de Isaac Rosón Sánchez, director da área de Innovación do IGAPE.
O mesmo escenario acollerá o sábado pola tarde a presentación da “Rede de Turismo Pesqueiro de España”, da que a Fundación Expomar é unha das entidades promotoras, demostrando así a decidida aposta de Burela pola promoción do turismo mariñeiro, que inclúe a promoción e divulgación sobre as actividades da pesca e os seus oficios, con roteiros e propostas socioculturais, visitas a lonxas, barrios mariñeiros, portos, faros ou museos.
En canto á participación de expositores, ademais das principais empresas produtoras e comercializadoras dos sectores naval e pesqueiro, tampouco faltan á cita as administracións e institucións, como a Conselllería do Mar da Xunta de Galicia, a Autoridade Portuaria de Ferrol – San Cibrao, o Instituto Social da Mariña, a Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo, Pesca España, a Deputación de Lugo ou o Concello de Burela.