A vixésima edición da feira monográfica náutico-pesqueira Expomar inaugúrase este mércores pola tarde para converter ao porto de Burela no auténtico punto de referencia do mundo do mar durante toda a semana
Burela, 6 de maio, 2025. O conselleiro de Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, inaugurará este mércores ás 18:00 unha nova edición da Feira monográfica náutico pesqueira Expomar, acompañado da presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López, do subdirector xeral de Caladoiro Nacional e Augas Comunitarias de Segepesca, Juan Manuel Elices, en representación do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e de Pablo Rivera, responsable da área de promoción económica e social da Deputación de Lugo.
Do mércores ao sábado sucederanse diferentes actividades que volverán converter ao porto de Burela no centro de atención do sector pesqueiro, xa que, de forma paralela á feira, celébranse as Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial, que cumpren as súas 32ª e 26ª edicións, respectivamente, cos profesionais e entidades máis representativas do sector pesqueiro a nivel nacional e europeo, co futuro do sector pesqueiro a debate, abordando os principais retos e dificultades do momento na pesca.
O xoves 8 pola mañá celébrase nas instalacións de Armadores de Burela o 26 Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras, na que as entidades máis representativas da frota galega e outras asociacións nacionais reflexionan sobre os principais retos sectoriais en curso que condicionan a competitividade do sector.
Pola tarde comezan no salón de actos da Confraría de Pescadores de Burela as 32 Xornadas Técnicas, cuxa apertura correrá a cargo do conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, xunto coa presidenta da Fundación Expomar, Carmela López, e de Juan Manuel Elices, subdirector xeral de Caladoiro Nacional e Augas Comunitarias de Segepesca, en representación do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
A primeira Xornada, que como sempre se poderá seguir por internet desde a páxina de www.expomar.com, tratará, como é habitual, a xestión pesqueira e os principais retos do sector pesqueiro, confrontando as diferentes visións nacional, europea e internacional. A segunda Xornada, que se celebra o venres pola mañá, abordará temas como a socioeconomía, a sostiblidade, a saúde e o consumo de peixe.
Expomar 2025 abre as súas portas o mércores ás 17:30 e poderá visitarse ata o sábado en horario de mañá (de 10:30 a 14:30) e tarde (de 16:30 A 20:30); e aspira a superar as cifras dos últimos anos, con máis de 5.000 metros cadrados de exposición e 400 marcas de diferentes países representadas na feira.
Entre as novidades deste ano destaca unha nova distribución dos espazos dentro do recinto feiral, habilitando novas zonas para fomentar o networking durante o evento e cun amplo espazo aberto baixo carpa para diferentes presentacións ou demostracións gastronómicas.
Alí terá lugar o venres ao mediodía a clásica degustación gastronómica de produtos pesqueiros “Peixe de Burela” ofrecida por Armadores de Burela e a OPP Porto de Burela.
Este mesmo espazo acollerá o sábado ao mediodía o espectacular ronqueo dun gran exemplar de peixe espada de máis de 100 quilos de peso patrocinado por INTERFISH-España coa asistencia dos expertos de Matrice Tuna, que realizarán a arte do despezamento cunha técnica que combina a destreza, o respecto polo produto e o compromiso coa sustentabilidade.
E a continuación celebrarase unha degustación de receitas de peixe espada ofrecida pola OPP Porto de Burela, que é unha das entidades que forman Interfish, única interprofesional pesqueira que existe en España para a representación e defensa das especies do palangre de superficie.
En canto ao resto de actividades, o venres pola tarde celébrase na zona de presentacións a xornada informativa: “Axudas e apoio do IGAPE para empresas galegas”, a cargo de Isaac Rosón Sánchez, director da área de Innovación do IGAPE.
O mesmo escenario acollerá o sábado pola tarde a presentación da “Rede de Turismo Pesqueiro de España”, da que a Fundación Expomar é unha das entidades promotoras, demostrando así a decidida aposta de Burela pola promoción do turismo mariñeiro, que inclúe a promoción e divulgación sobre as actividades da pesca e os seus oficios, con roteiros e propostas socioculturais, visitas a lonxas, barrios mariñeiros, portos, faros ou museos.
En canto á participación de expositores, ademais das principais empresas produtoras e comercializadoras dos sectores naval e pesqueiro, tampouco faltan á cita as administracións e institucións, como a Conselllería do Mar da Xunta de Galicia, a Autoridade Portuaria de Ferrol – San Cibrao, o Instituto Social da Mariña, a Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo, Pesca España, a Deputación de Lugo ou o Concello de Burela.