Nel establécense as medidas necesarias para previr, actuar e recuperar ante situacións de risco de enchentes
O seguinte paso será proceder á exposición pública do plan e, se non hai alegacións, será sometido a aprobación no pleno nun prazo de vinte días.
O obxectivo principal é protexer ás persoas, aos bens e ao medio ambiente fronte a posibles episodios de inundacións, organizando os recursos humanos e materiais dispoñibles e definindo os procedementos de actuación en cada fase da emerxencia. «É unha ferramenta fundamental para reforzar a capacidade de resposta ante un fenómeno que xa sufrimos no pasado e que require dunha planificación clara, eficaz e adaptada ao territorio», sinala a alcaldesa mariña Gueimunde.
O PAM inclúe unha análise detallada do territorio e da rede hidrográfica, con especial atención ao río Landro; a identificación das áreas de risco potencial significativo de inundación (ARPSIs); a estrutura organizativa dos órganos responsables e centros de coordinación; os procedementos de activación segundo as fases de prealerta, alerta, emerxencia e normalización; así como medidas de información á cidadanía, aloxamentos de emerxencia e puntos de control e vixilancia.
Tamén se contemplan accións para a formación do persoal, revisións periódicas do plan e mecanismos de coordinación con outros plans supramunicipais. En conxunto, o documento busca reducir os impactos das inundacións e garantir a seguridade e benestar da veciñanza de Viveiro.