Site icon Crónica3.com A Mariña

Mondoñedo acolle dende este venres unha Escola Internacional de Verán organizada polas Unións Española e Galega da Marioneta

A programación inclúe tres cursos impartidos por profesionais referentes no sector, ademais de espectáculos, obradoiros e outras actividades abertas ao público que se desenvolverán en diferentes espazos da localidade

Lugo, 3 de xullo de 2025. Mondoñedo acollerá dende mañá ata o domingo 13 de xullo a 23ª Escola Internacional de Verán organizada pola Unión Internacional da Marioneta (Unima) Federación España e Unima Galicia. A Xunta apoia a iniciativa a través da Axencia Galega das Industrias Culturais.

As actividades foron presentadas hoxe na Delegación Territorial de Lugo, coa participación do delegado territorial, Javier Arias; a tenente de alcalde de Mondoñedo, Ángeles Rodríguez; e o presidente de Unima Galicia, Ton Arenas.

A escola vai dirixida a profesionais e afeccionados á marioneta e inclúe tres cursos a cargo de expertos que son referentes no sector a nivel internacional. Nun deles, a especialista en monicreques de luva Paz Tatay achegará os seus coñecementos sobre a técnica, a construción e a manipulación destes elementos.

Outro curso centrarase nas ferramentas dramatúrxicas para a posta en escena e estará guiado polo dramaturgo e poeta Alberto Conejero. Pola súa banda, a creadora teatral Rene Baker, especialista en teatro de títeres e obxectos, impartirá a formación Dar vida á metáfora.

A programación desenvolverase principalmente na Casa da Xuventude e no taller da compañía mindoniense Mircromina Títeres. A iniciativa compleméntase con numerosas actividades abertas ao público que se sucederán durante os vindeiros días en distintas localizacións de Mondoñedo, como é o caso do Círculo Recreativo, que acollerá diversos espectáculos.
Haberá números de teatro e música e obradoiros de construción de marionetas, de títeres de calcetín e de teatro de sombras, entre outras propostas.

Exit mobile version