A ala-peche destra burelesa, que formou parte do equipo que logrou o histórico primeiro dobrete da entidade e que conta tamén con pasado na máxima categoría italiana, sube desde o filial a punto de cumprir 30 anos
Silvia Rubal Casas (Burela, 02/10/1995) é unha ala-peche destra contundente, competitiva, intelixente tacticamente e que conta con pasado nas máximas categorías española e italiana. Tras formarse nas categorías inferiores do Ribadeo FS e o Burela FS, con 15 anos debutaba no primeiro equipo laranxa e na campaña 2012/2013 formaba parte do plantel que logrou o primeiro histórico dobrete de Liga e Copa para a entidade. Dous anos máis tarde marchaba ao Rioja FSF para seguir en Primeira División e un curso despois regresaba a Burela, compatibilizando o filial en Autonómica co primeiro equipo durante dúas campañas e logrando a segunda Liga e unha Supercopa para o club. Posteriormente emigraba para Italia, onde pasaría cinco tempadas antes de regresar a Galicia. No país transalpino xogou para o o FiberPasta Chiaravalle, o ASD Manfredonia 2000 e o ASD Doria Torrette Femminile, todos eles de Serie A2 (segunda categoría nacional) ata enrolarse na 2020/2021 no Città dei Falconara, co que venceu unha Coppa Italia, e na 2021/2022 no Calcio Padova Femminile, ambos os conxuntos da máxima categoría italiana.
En Italia tivo a oportunidade de facer xa os seus primeiros pasos como adestradora, dirixindo en Falconara ao filial do histórico equipo da rexión das Marcas. Logo dun ano en Padova pechou a súa estancia en terras italianas e comprometeuse co Castro Bloques Cando, de Segunda División, no que estivo ata xaneiro do 2023, cando se marchou ao Grupo Forma-t Vilalba, que competía por aquel entón en Preferente. Tras cinco meses na capital chairega, regresaba na campaña 2023/2024 ao Burela FS para adestrar na base e competir co filial, co que lograría un brillante ascenso a Preferente Futgal e este último curso axudaría a asinar un notable quinto posto.
Silvia está moi ilusionada e responsabilizada co reto que supón regresar ao primeiro equipo. “Xogar no primeiro equipo do Burela FS sempre foi, desde moi pequena, o soño da miña vida, deportivamente falando. Foi un soño que puiden cumprir con 15 anos. No seu día fun moi feliz e que volva chegar esta oportunidade foi algo totalmente inesperado e tamén é un plus porque ao final vou vivir a mesma experiencia pero desde un punto de vista moi diferente. Con 15 anos era unha nena que aínda se estaba formando, tanto persoalmente como deportivamente, e hoxe a miña personalidade xa está definida e estou moi ilusionada con poder afrontar esta nova experiencia”, explica.
A peche de Burela, que vai ser a xogadora máis veterana que suba desde o filial este verán, cre que “a responsabilidade de estar no primeiro equipo é un sentimento que debemos ter todas, porque ao final o Burela FS é un gran club”, pero recoñece que non é o mesmo xestionar este reto “tendo 20 anos que con case 30, xa que dun xeito lévalo quizá dunha forma máis lixeira que do outro, pero non é algo que me asuste e é unha responsabilidade bonita e afrontareina dando o mellor de min en cada momento”, sinala.
Silvia espera que os seus pasos anteriores no priemeiro equipo lle axuden a levar mellor este desafío. “Creo que calquera experiencia que vivimos na nosa carreira nos ensina determinadas cousas que imos pode empregar no futuro. Daquel primeiro dobrete aprendín moitas cousas e seguro que me pode axudar”, indica. Asimismo, su faceta de entrenadora le sirve para entender mejor las cosas como jugadora. “É algo que me está axudando moito e me axudará no futuro porque todo xogador ou xogadora pensa de xeito egoísta, é ambicioso, quere xogar todos os minutos e dalgún modo protesta cando non o fai. É difícil entender a posición dun adestrador ou para min érao polo menos e ser adestradora agora axudoume moito a entender o difícil papel que hai detrás da persoa que dirixe un grupo”, salienta.
Así mesmo, considera que está no mellor momento deportivo da súa carreira. “A verdade é que sempre pensei que o mellor momento na carreira deportiva dunha persoa estaría nos vinte e poucos anos, porque con esa idade normalmente tes un bo físico, eres moza e xa vas tendo unha madurez, pero supoño que cada persoa é un mundo e viralle o mellor momento en diferentes etapas. No meu caso si que considero que estou no mellor porque, a pesar da miña idade, encóntrome nun bo nivel físico e mentalmente síntome moito máis madura que cando tiña 20 anos. Quizais con 20 anos o meu físico era mellor, pero agora síntome máis completa”, asegura.
A futbolista mariñá defínese como “unha xogadora moi intensa, que vive moito o fútbol sala e iso fai que me esixa moito a min mesma e tamén o faga coas compañeiras”, apunta. “Tanto nos días días bos como nos malos, intento dar sempre o que o grupo necesite e tamén me considero unha xogadora con moito carácter, que fun xestionando co paso dos anos, e cun forte sentimento de pertenza ao club. Penso que, por riba de todo, son unha xogadora de equipo e creo que no fútbol sala o máis importante é a forza do grupo”, engade.
Silvia espera aportar tamén ao equipo a “nivel humano, porque son unha persoa á que lle encanta que o vestario estea unido e traballo para que así sexa, porque me parece algo fundamental, así como transmitir o sentimento de pertenza a este club, que o sinto moito”, afirma. Mentres, a nivel deportivo agarda “transmitir a experiencia que podo ter con respecto á xente máis noviña e estarei para aportar todo o que sexa necesario”, asegura.
A ala-peche espera que se poida sobreponer a todos os contratempos que xurdan durante o curso. “Creo que esta tempada vai ser moi atípica con respecto ao que estamos acostumadas e espero que o equipo e o club esteamos unidos e con traballo e moitas ganas saquemos adiante as dificultades que se nos poñan por diante. Espero estar nun equipo que loite cada balón, que cada unha saque o mellor de si e así seguramente consigamos facer un gran traballo en Primeira División, aínda sendo un equipo moi humilde e moi novo”, indica.
Finalmente, Silvia Rubal diríxese á Familia Laranxa. “Levamos vivindo moitos anos nunha realidade asombrosa onde todo era perfecto e sempre se buscaban os títulos. É moi bonito vivir nesa realidade, pero ao final é algo que custa manter e baixar deses estándares non ten porque ser sempre algo negativo. Ao final todo ten o seu punto positivo e negativo e supoño que este ano hai que valorar outras cousas que, quizá ganando tantos títulos, tiñamos un pouco olvidadas como ver a unha nena medrar desde a base e chegar ao primeiro equipo ou ver a xente da zona xogando ao máis alto nivel. É o momento de valorar eses pequenos detalles que ao mellor olvidas cos títulos. A afección de Burela sempre foi unha afección moi destacada en España, todos os clubes sufren cando veñen xogar a Vista Alegre, son a parte máis importante deste club e necesitamos o seu apoio igual ou incluso máis que nas campañas anteriores. Ao final as dificultades que nos imos atopar este ano van ser máis altas e imos tentar saltalas xuntos”, conclúe.