O Espazo de Preservación Familiar “San Aníbal Familia Educa”, ofrecido conxuntamente por Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol e a congregación das Fillas do Divino Celo-Rogacionistas, xurdiu en Foz en 2023 co obxectivo de traballar coordinadamente en favor da infancia, os mozos e as súas familias
“Familia Educa” non só aposta pola integración e a convivencia, a través dos seus programas de inverno e verán, senón que tamén axuda a crear moitos vínculos entre os nenos e os adolescentes que participan nestas actividades.
Estas actividades de verán teñen lugar de luns a venres polas mañás, de 9 a 14 horas, e están coordinadas por tres educadoras do programa “San Aníbal Familia Educa” xunto cun grupo de voluntarias de Cáritas de Foz.
O programa conta con 30 prazas, que se renovan quincenalmente, e nestes máis de dous meses terán chegado a máis de 150 menores de Foz. Ao longo destas dez semanas de verán organizáronse numerosas actividades divulgativas e de lecer, desde xogos tradicionais, como as chapas, a corda, a pita cega, a bomba, o brilé, carreiras de sacos, birlos, xogos con balón e colchóns; xogos de mesa, adiviñanzas, xogos de palabras e debuxos; xogos de equipo, busca do tesouro, bailes e xogos de auga.
Durante este tempo tamén se realizan diferentes obradoiros de manualidades, como crear e pintar figuras de barro ou papel reciclado, elaborar pulseiras artesanais ou pintar pedras, papel ou bolsas de tea. Así como a proxección dalgunhas das súas películas favoritas, como Harry Potter, Elemental, Zootrópolis, Big Hero Six ou Avatar 1 e 2.
Este Espazo de Preservación Familiar é un servizo gratuíto de prevención e formación no ámbito educativo e sociofamiliar, dedicado a mellorar as condicións de convivencia nas unidades familiares que se atopan, por unha ou outra circunstancia, en situación de certa vulnerabilidade.
A finalidade do proxecto é dotar tanto aos rapaces como aos seus proxenitores das ferramentas socioeducativas e psicosociais necesarias para un adecuado desenvolvemento da vida familiar no seu conxunto.
O Espazo de Preservación Familiar “San Aníbal Familia Educa” séguese consolidando como referente socioeducativo da contorna cos seus programas de inverno e verán. O programa de inverno está operativo de luns a venres polas tardes durante o período escolar, tendo dando atención ao longo de 2024 a 43 mozos de 28 familias diferentes. O programa de verán cobre o tempo vacacional dos colexios, con actividades desde xuño ata setembro.