O Espazo de Preservación Familiar “San Aníbal Familia Educa”, ofrecido conxuntamente por Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol e a congregación das Fillas do Divino Celo-Rogacionistas, xurdiu en Foz en 2023 co obxectivo de traballar coordinadamente en favor da infancia, os mozos e as súas familias
Burela, 18 de agosto, 2025. As actividades de “Familia Educa” Verán 2025 desenvólvense desde finais de xuño ata finais de agosto, cubrindo o tempo vacacional dos colexios. Un ano máis, o programa ten lugar nas instalacións do CPR Nosa Señora do Pilar de Foz, cedidas de forma completamente gratuíta pola comunidade das Franciscanas da Purísima Concepción.
“Familia Educa” non só aposta pola integración e a convivencia, a través dos seus programas de inverno e verán, senón que tamén axuda a crear moitos vínculos entre os nenos e os adolescentes que participan nestas actividades.
Estas actividades de verán teñen lugar de luns a venres polas mañás, de 9 a 14 horas, e están coordinadas por tres educadoras do programa “San Aníbal Familia Educa” xunto cun grupo de voluntarias de Cáritas de Foz.
O programa conta con 30 prazas, que se renovan quincenalmente, e nestes máis de dous meses terán chegado a máis de 150 menores de Foz. Ao longo destas dez semanas de verán organizáronse numerosas actividades divulgativas e de lecer, desde xogos tradicionais, como as chapas, a corda, a pita cega, a bomba, o brilé, carreiras de sacos, birlos, xogos con balón e colchóns; xogos de mesa, adiviñanzas, xogos de palabras e debuxos; xogos de equipo, busca do tesouro, bailes e xogos de auga.
Durante este tempo tamén se realizan diferentes obradoiros de manualidades, como crear e pintar figuras de barro ou papel reciclado, elaborar pulseiras artesanais ou pintar pedras, papel ou bolsas de tea. Así como a proxección dalgunhas das súas películas favoritas, como Harry Potter, Elemental, Zootrópolis, Big Hero Six ou Avatar 1 e 2.
Este Espazo de Preservación Familiar é un servizo gratuíto de prevención e formación no ámbito educativo e sociofamiliar, dedicado a mellorar as condicións de convivencia nas unidades familiares que se atopan, por unha ou outra circunstancia, en situación de certa vulnerabilidade.
A finalidade do proxecto é dotar tanto aos rapaces como aos seus proxenitores das ferramentas socioeducativas e psicosociais necesarias para un adecuado desenvolvemento da vida familiar no seu conxunto.
O Espazo de Preservación Familiar “San Aníbal Familia Educa” séguese consolidando como referente socioeducativo da contorna cos seus programas de inverno e verán. O programa de inverno está operativo de luns a venres polas tardes durante o período escolar, tendo dando atención ao longo de 2024 a 43 mozos de 28 familias diferentes. O programa de verán cobre o tempo vacacional dos colexios, con actividades desde xuño ata setembro.