Os representantes lucenses presentaron xunto á alcaldesa, Mariña Gueimunde, e concelleiros do Partido Popular a iniciativa que defenderán no Senado
Os senadores lucenses José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano deron a coñecer esa iniciativa en rolda de prensa xunto á alcaldesa Mariña Gueimunde e concelleiros do Partido Popular de Viveiro.
Os populares lembran que “non é a primeira vez que se formaliza esta demanda”. De feito, xa no ano 2021 o Parlamento de Galicia aprobaba por unanimidade, a instancias do Grupo Popular, solicitar a cesión gratuíta ao Concello; pero nin o Goberno de Sánchez nin o goberno local -ambos socialistas naquel momento- mostraron interese por cumprir o acordo”.
Así, “o Goberno de Sánchez preferiu manter estas instalacións en precario e sen facer unha cesión formal gratuíta ao Concello para uso dos veciños”. De feito, “a súa intención sempre foi vender. Incluso saíu a poxa, pero sen éxito”. É dicir, “o Goberno de Sánchez prefire lucrarse antes que colaborar coa administración local para que poña este espazo público a disposición dos veciños e veciñas de Viveiro”.
No seu momento, plantexouse a súa rehabilitación para albergar a Escola Oficial de Idiomas (EOI) de forma que quedaran libres as súas actuais instalacións para a construción da residencia de Aspanane que, finalmente, se construirá en Xove. Outra proposta é a de destinalo, unha vez adaptado, ao tecido asociativo local; toda vez que “o municipio precisa espazos de uso público”.
A alcaldesa, Mariña Gueimunde, aposta por corrixir esta situación á vista de que “hai demanda de espazos públicos para poñer a disposición dos colectivos do municipio, pero neste momento o antigo colexio de Celeiro non é titularidade do Concello”, recalca.
O antigo colexio Antonio Pedrosa Latas é propiedade da Tesorería General de la Seguridad Social trala cesión do solar onde se localiza por parte da Confraría de Pescadores e da Unión de Fabricantes de Conserva.
Foi inaugurado en 1955 e permaneceu en activo ata o ano 1998, cando toda a actividade lectiva pasou ao novo colexio. Desde aquel momento a falta de atención e mantemento do seu propietario –o Estado-, especialmente estes últimos anos, levou a un deterioro paulatino do centro.