Os representantes lucenses presentaron xunto á alcaldesa, Mariña Gueimunde, e concelleiros do Partido Popular a iniciativa que defenderán no Senado
Celeiro (Viveiro), 5 de agosto de 2025. O Partido Popular instará ao Goberno de España dende o Senado a ceder, de forma gratuíta, a titularidade das instalacións do antigo colexio Pedrosa Latas de Celeiro ao Concello de Viveiro “en liña cun acordo recente aprobado por ampla maioría no Pleno municipal”.
Os senadores lucenses José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano deron a coñecer esa iniciativa en rolda de prensa xunto á alcaldesa Mariña Gueimunde e concelleiros do Partido Popular de Viveiro.
Os populares lembran que “non é a primeira vez que se formaliza esta demanda”. De feito, xa no ano 2021 o Parlamento de Galicia aprobaba por unanimidade, a instancias do Grupo Popular, solicitar a cesión gratuíta ao Concello; pero nin o Goberno de Sánchez nin o goberno local -ambos socialistas naquel momento- mostraron interese por cumprir o acordo”.
Así, “o Goberno de Sánchez preferiu manter estas instalacións en precario e sen facer unha cesión formal gratuíta ao Concello para uso dos veciños”. De feito, “a súa intención sempre foi vender. Incluso saíu a poxa, pero sen éxito”. É dicir, “o Goberno de Sánchez prefire lucrarse antes que colaborar coa administración local para que poña este espazo público a disposición dos veciños e veciñas de Viveiro”.
No seu momento, plantexouse a súa rehabilitación para albergar a Escola Oficial de Idiomas (EOI) de forma que quedaran libres as súas actuais instalacións para a construción da residencia de Aspanane que, finalmente, se construirá en Xove. Outra proposta é a de destinalo, unha vez adaptado, ao tecido asociativo local; toda vez que “o municipio precisa espazos de uso público”.
A alcaldesa, Mariña Gueimunde, aposta por corrixir esta situación á vista de que “hai demanda de espazos públicos para poñer a disposición dos colectivos do municipio, pero neste momento o antigo colexio de Celeiro non é titularidade do Concello”, recalca.
O antigo colexio Antonio Pedrosa Latas é propiedade da Tesorería General de la Seguridad Social trala cesión do solar onde se localiza por parte da Confraría de Pescadores e da Unión de Fabricantes de Conserva.
Foi inaugurado en 1955 e permaneceu en activo ata o ano 1998, cando toda a actividade lectiva pasou ao novo colexio. Desde aquel momento a falta de atención e mantemento do seu propietario –o Estado-, especialmente estes últimos anos, levou a un deterioro paulatino do centro.