Ángeles Vázquez anima aos concellos lucenses con infraestruturas públicas danadas polo lume en espazos protexidos a pedir as axudas da Xunta e subliña que o prazo para optar a calquera das subvencións polos danos dos incendios se amplía ao 30 de outubro
Lugo, 30 de setembro de 2025. A Xunta de Galicia abordou hoxe cos concellos da provincia de Lugo as medidas para afrontar a reparación dos danos causados polos últimos incendios forestais que afectaron á comunidade, así como as reformas normativas a impulsar desde o Executivo autonómico co fin de mellorar a prevención.
Ante arredor de 40 representantes de municipios lucenses, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, aproveitou o encontro para alertar de que a inacción do Goberno central pon en perigo preto de 2.000 millóns de euros do Fondo social para o clima da Unión Europea que permitirían financiar en Galicia máis de 60 proxectos claves para acadar os obxectivos climáticos establecidos a nivel comunitario e que, polo tanto, repercutirían positivamente sobre o conxunto da comunidade.
Neste sentido e tras lembrar que o prazo para que os estados membros remitiran as súas propostas rematou o 30 de xuño, a conselleira lamentou que, a día de hoxe, a Xunta siga sen recibir unha resposta do Executivo central sobre que fixo cos 62 proxectos galegos susceptibles de beneficiarse deste novo instrumento de financiamento europeo, motivo polo que a Xunta se dirixiu directamente á UE para obter información.
Así mesmo, con relación aos incendios forestais que afectaron recentemente á provincia, a conselleira lembrou que está aberta a posibilidade de solicitar axudas, dirixidas a entidades locais e a mancomunidades, para restaurar infraestruturas de uso público danadas en zonas da Rede galega de espazos protexidos e en Reservas de biosfera.
En concreto, no caso dos concellos explicou que poden optar a unha contía de ata 40.000 euros —20.000 euros por subvención, cun máximo de dúas actuacións subvencionables— grazas ás axudas convocadas polo seu departamento para apoiar ás entidades locais na restauración de elementos estruturais de sendas e rutas, infraestruturas e instalacións de interpretación do medio natural ou mobiliario de áreas recreativas localizadas en espazos protexidos e que resultaran danados polo lume.
Durante a reunión, que contou tamén coa participación do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, a conselleira explicou que estes incentivos compleméntanse coa outra liña de axudas do seu departamento destinada a compensar aos titulares de Tecores para cubrir os gastos de sementeira de cereais en terreos afectados e reparar e repoñer instalacións danadas.
Ambas ordes están incluídas no paquete de medidas aprobado pola Xunta a finais de agosto para impulsar a reconstrución das zonas afectadas polos lumes e que inclúen, ademais, axudas para paliar danos en vivendas, explotacións agrogandeiras ou negocios. Neste sentido e tras lembrar que as liñas de apoio habilitadas polo Executivo galego non teñen límite orzamentario, Ángeles Vázquez subliñou que o prazo para solicitar calquera destas axudas acaba de ampliarse ata o vindeiro 30 de outubro.
Así, grazas á modificación aprobada onte polo Consello, poderán beneficiarse destas achegas non só os prexudicados polos lumes do pasado verán senón aqueles que sufran algún dano por incendios ocorridos entre o 29 de agosto e finais de outubro. Deste xeito, a conselleira incidiu en que se busca garantir o acceso ás achegas aos afectados que tras os lumes de agosto aínda non puideron recompilar toda a documentación requirida e tamén incluír a persoas, empresas e concellos que se viran prexudicados posteriormente.
Ademais, destacou a axilidade na tramitación, salientando que moitas das solicitudes recibidas ata o momento están resoltas. En concreto, 19 axudas a propietarios de vivendas afectados; outras 22 dirixidas a paliar os danos en terreos cinexeticamente ordeados (Tecores) e catro para negocios danados polo lume.
Melloras en prevención
A reunión serviu para trasladar tamén aos responsables municipais as modificacións anunciadas nos procedementos de autorización para actividades en Rede Natura co fin de mellorar a prevención de incendios nestas zonas. Ao respecto, a conselleira trasladou que se vai simplificar a obtención dos permisos para facer rozas e queimas controladas.
En concreto, a Administración autonómica propón que, co correspondente permiso, se poidan facer lumes técnicos en Rede Natura entre os meses de marzo e maio. Tamén se elevarán as porcentaxes de terreo que se pode rozar nestes espazos protexidos da superficie de matogueira (que pasará do 20% ao 30%) e o máximo no que se permiten facer queimas, que neste caso se incrementará do 5% ao 10%.
A información facilitada durante a reunión incluíu tamén unha explicación das facilidades que se queren introducir para que, por exemplo, as parcelas forestais sen aproveitamento non necesiten ningún tipo de autorización para volver ser cultivadas; así como que as talas necesarias para regresar ao uso agrícola non precisen avaliación ambiental nin outro papelame. Asemade, está previsto que os terreos que eran de uso agrícola non pasen automaticamente a uso forestal despois de 40 anos de abandono.
Por último, os responsables da Xunta aproveitaron para coñecer de primeira man as inquedanzas dos asistentes sobre a situación derivada dos incendios que afectaron a esta provincia e resolver dúbidas relacionadas con rozas, queimas e outras cuestións.


















Subliñou o traballo colectivo, o papel do voluntariado e a participación de arredor de mil corredores. Tamén puxo en valor o impacto económico e social da proba e o apoio institucional que permite o seu crecemento, incluída a difusión en streaming que levou a CAMOVI e a Viveiro a todo o mundo.
O presidente, José Manuel Gómez Puente, destacou o bo tempo e o reencontro do grupo nun percorrido de 22 km entre Pedrafita e Triacastela. A próxima etapa será o 1 de maio, entre Triacastela e Sarria, e xa está aberta a inscrición no teléfono 623 22 68 25.
Ás doce en punto, tres foguetes —un por cada palabra do nome oficial— foron lanzados desde O Castrodouro, capital histórica do termo municipal e orixe da localidade, pois alí, hai 806 anos, Afonso IX concedeu o título de vila e todo un distrito que administrar; episodio histórico do que deriva o nome do concello. Os veciños reunidos mostraron a súa satisfacción pola recuperación da denominación histórica, afirmando moitos deles que nunca deixaran de empregar o nome completo. Do mesmo xeito, os maiores agradeceron aos impulsores da iniciativa a restitución do topónimo que a historia legou ao municipio alfocés.
Viveiro, 20 de abril, 2026. A proba volveu converter Viveiro nun punto destacado do deporte e da convivencia, ademais de supoñer un impulso económico para o municipio. María Loureiro destacou que a Camovi “é un exemplo de colaboración e esforzo colectivo, que sitúa Viveiro no mapa e dinamiza a economía local”. O Partido Socialista lembra o seu apoio histórico á carreira e reafirma o seu compromiso para seguir contribuíndo ao seu crecemento. O PSOE agradece tamén á veciñanza a súa acollida e implicación, fundamentais para que o evento continúe medrando ano tras ano.
Castro destacou o labor da Asociación e o potencial da tradición do ferro como motor económico, social e cultural para Riotorto, subliñando a importancia de impulsar iniciativas que garantan futuro para estes oficios. A Deputación de Lugo mantén unha colaboración estable coa entidade, cunha achega de 14.000 euros. No marco deste apoio, a Asociación avanzou na documentación dos oficios do ferro, catalogando ferramentas, técnicas e a historia das antigas “ferrerías de monte”.
O responsable provincial destacou "o traballo realizado pola organización ao longo destes anos para consolidar unha proba deportiva de primeiro nivel, que atrae tanto deportistas do máximo nivel competitivo como participación popular"
O grupo teatral O Centiño de San Martiño (Foz) actuou este sábado en Marzán, convidado pola asociación veciñal Torques de Marzán. O local quedou pequeno ante a resposta do público: 73 persoas, un récord de asistencia para unha obra de teatro na parroquia. A comedia provocou constantes risas e un ambiente moi participativo. A iniciativa volve demostrar o valor de levar actividade cultural e teatro afeccionado ás parroquias e barrios, achegando propostas escénicas a lugares afastados dos grandes circuítos. O Centiño continuará a xira de “O Autobús” nas vindeiras semanas: Sábado 25 de abril: Vilaronte (Foz). Sábado 2 de maio: Casa da Cultura de Trabada



