Longa viaxe! No medio da voráxine diaria de novas e fakes de consumo inmediato antes de que a súa propia inmediatez as devore, que apareza nalgures que unha nave terrestre vai camiño a Mercurio, con varios anos de viaxe xa por tras de si, soa estraño. É o que ten que haxa moita xente interesada, e empresas, e institucións, en captar a nosa atención con obxectivos de caducidade inmediata ou case. Así, o que queda en coñecemento, sen unha ‘utilidade’ e caducidade inmediata, tamén parece quedar inmediatamente descatalogado, relegado á periferia. Estas liñas tratan dunha desas ‘cousas estrañas’, non porque aínda sexa estraño o feito dunha viaxe interplanetaria, senón porque non responde a esa agobiante inmediatez que pretende render a nosa atención segundo a segundo.
Lembremos: Mercurio é o planeta do sistema solar máis próximo á nosa estrela. Despois, por orde de separación, veñen Venus, Terra, Marte… A distancia a Mercurio, dende a Terra, pode medirse e expresarse de diferentes xeitos. Un deles é o que tarda a luz en chegar a ou dende alí. Algo que depende das posicións da Terra e Mercurio: iso sería uns 12 minutos como moito, co Sol case tapándoo ou, como pouco, algo menos de 5 minutos se está diante mesmo do Sol. Curiosamente, en ambas situacións, pola súa proximidade visual ó Sol, non poderiamos velo a ollo nu dende a Terra. Pero o anterior é só un xeito de facelo. Outra forma de avaliar a ‘distancia’ sería polo recorrido da nave que os humanos lanzamos cara aló, na misión Bepi-Colombo, e que está a uns meses de chegar a destino, en decembro deste ano, despois de despegar hai oito anos.
Resulta que para poder ir e quedar alí sen pasar de largo, a Bepi tivo que aproveitar varias veces a gravidade de varios corpos do sistema solar, a Terra, Venus e o propio Mercurio, nunha viaxe que comezou co lanzamento en outubro de 2018. Duns oito minutos que tarda media a luz a uns oito anos que está a tardar a Bepi hai unha diferencia de escala temporal apreciable. E iso, aínda que a nave tense chegado a mover a uns 60 km cada segundo en relación á Terra. Vamos, que atravesaría Galicia en diagonal entre Ribadeo e A Guarda abondo antes de que un campeón mundial de 100 m lisos chegara á metade do recorrido.
A Bepi non leva humanos, só instrumentos. A principal razón é que alí é difícil ir, pero máis aínda volver, e, a máis, para unha persoa saír fóra do noso planeta-niño non é moi aconsellable para ir a parar ó cabo de anos a un planeta sen atmosfera que respirar e con temperaturas que varían entre -170 ºC e 530 ºC, abondo máis que os extremos máis extremos que podemos atopar na Terra. Iso si, temos algo de idea do que alí hai, e a misión Bepi-Colombo aumentará o noso coñecemento.
O caso é que co gallo da chegada da nave a Mercurio, a Axencia Espacial Europea (ESA) promove un concurso para ver que lle podería dicir Mercurio á nave espacial que vai chegar. Eu xa teño un lema: ‘Un planeta quente davos a benvida calidamente!’
Por certo, se alguén quere participar no concurso, pode mirar en
https://www.esa.int/Science_Exploration/Space_Science/BepiColombo/Win_a_trip_to_ESA_to_witness_BepiColombo_arrive_at_Mercury



















A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.
Os servizos sanitarios trasladaron ao hospital a tres persoas implicadas nunha colisión frontal en Castro de Rei. Unha delas tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Vilalba. Contra as 11:15 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun choque entre dous vehículos no quilómetro 71 da N-640, á altura da parroquia de Viladonga. Desde o punto, os alertadores sinalaron que unha persoa permanecía atrapada. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros liberaron á persoa, que foi trasladada xunto con outros dous feridos ao hospital en ambulancia.
A artista, referente da música popular galega, conectou cun público diverso que gozou dunha sesión vermú marcada por máis de trinta anos de traxectoria. O concerto serviu tamén como despedida e recoñecemento a Valentín González e Viviana Pérez, que deixan a organización da comisión de festas tras dúas décadas. O deputado de Mocidade, Daniel García, destacou a importancia da implicación veciñal para manter vivas as celebracións que fortalecen a identidade comunitaria e reafirmou o apoio da Deputación ás redes asociativas e á programación cultural en galego. A actuación forma parte da iniciativa provincial para achegar música tradicional e en galego a todos os públicos.
Cómpre sinalar que este produto conta cun distintivo de calidade diferenciada, a Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, un dos 36 selos recoñecidos en Galicia que amparan a súa excelencia. Neste sentido, a Xunta vén de lanzar a nova marca Aquí Sabemos, coa que se busca reforzar o coñecemento e a identificación por parte dos consumidores dos produtos alimentarios galegos protexidos por figuras de calidade diferenciada.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
O evento ofrecerá mel, produtos de tempada, artesanía, gastronomía e outras propostas locais. O Concello do Valadouro mantén aberto o prazo de inscrición para persoas e empresas expositoras, que poden presentar a súa solicitude na sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” ata o martes 6 de outubro, ou ata completar os postos dispoñibles.



