A formación apoia os recursos para arranxar camiños e para a EDAR de Bretoña, pero cuestiona a falta de previsión do PP ao recorrer a un suplemento de crédito de medio millón de euros
Pastoriza, 9 de outubro de 2026. O Grupo Municipal Socialista de Pastoriza criticou no pleno celebrado onte o orzamento presentado polo PP para 2027, que ascende a 3,85 millóns de euros e destina só o 5% a investimentos reais, mentres o gasto corrente absorbe o 72,32% do total. A voceira socialista, Montserrat Casanova, denunciou que estas contas reflicten o esgotamento do modelo de xestión do goberno municipal e deixan o Concello cunha capacidade mínima para acometer novas obras e impulsar a súa modernización.
“Preséntannos un orzamento que reflicte o esgotamento total do seu modelo de xestión. Unha vez máis, as contas supoñen unha renuncia ao futuro de Pastoriza”, advertiu Casanova. A voceira contrapuxo o peso do gasto corrente coa escasa dotación para investimentos: “Se analizamos os números, a realidade é demoledora. O PP destina un simbólico 5% a investimentos reais e presenta un Concello sen recursos para obra nova ou modernización estrutural”.
Neste sentido, Casanova expresou o rexeitamento socialista a unhas contas que limitan as posibilidades de desenvolvemento do municipio. “Desde o Grupo Socialista non podemos avalar un orzamento que estrangula o desenvolvemento e o futuro do noso concello”, afirmou.
A xestión económica do executivo local centrou tamén as críticas socialistas ao suplemento de crédito de medio millón de euros con cargo aos remanentes municipais. Casanova deixou claro o apoio do PSdeG aos recursos destinados ao arranxo de camiños e á estación depuradora de augas residuais de Bretoña, pero cuestionou a falta de planificación do goberno do PP.
“Por suposto que apoiamos cada euro destinado ao arranxo de camiños e á EDAR de Bretoña, pero rexeitamos rotundamente o modo de xestionar deste goberno”, sinalou. A voceira lembrou que o orzamento de 2026 non se aprobou ata finais de marzo deste mesmo ano e criticou que, poucos meses despois, o executivo recorra a unha modificación desta contía para atender necesidades do Concello.
Para Casanova, a falta de previsión converteuse nunha práctica habitual do PP. “Sodes incapaces de anticiparvos ás necesidades do Concello. Un goberno que vive dos parches permanentes non é útil para a veciñanza”, sostivo.
No relativo á prórroga do contrato de limpeza dos edificios municipais, a voceira socialista preguntou se o goberno local valorara algunha oferta ou estudara alternativas antes de optar pola renovación. O PSdeG cuestionou que o PP recorra á solución máis sinxela sen avaliar previamente outras opcións para a prestación do servizo.
Miguel Rico toma posesión como concelleiro socialista
No pleno de onte tamén tomou posesión Miguel Rico como novo concelleiro do PSdeG, en substitución de Tino Fernández Leira. Incorpórase ao Grupo Municipal Socialista xunto á voceira, Montserrat Casanova, e ao exalcalde Primitivo Iglesias.
Casanova, que asumiu en xuño a Secretaría Xeral da agrupación socialista e a portavocía municipal, destacou que esta incorporación se enmarca no proceso de renovación e fortalecemento do proxecto socialista en Pastoriza.
A chegada de Miguel Rico súmase ás novas incorporacións á agrupación local, co obxectivo de ampliar a participación, sumar persoas e propostas e preparar unha alternativa sólida para o futuro do municipio. Os socialistas traballan para recuperar a alcaldía e retomar a senda do progreso e da transformación de Pastoriza, que consideran interrompida pola parálise do goberno do PP.


















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
O sindicato denuncia a decisión unilateral da empresa de retirar días de descanso e implantar quendas que dificultan a conciliación. As concentracións serán nos centros de traballo de Foz (Uxío Novoneira s/n) e Ribadeo (Avda. Galicia 27). Lémbrase que non é unha folga e apélase á solidariedade da plantilla para defender as condicións laborais conquistadas.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.



