O Concello de Lourenzá explica que o autor do cartel é o veciño José Manuel García, un estudoso e recuperador dos xoguetes tradicionais, coautor de varios libros sobre o tema, do que tamén é o responsable das súas ilustracións. Nesta ocasión a imaxe principal do cartel é a fonte da ra, “un símbolo para todos os laurentinos, no que as pedras que a forman aparecen substituídas polas famosas fabas de Lourenzá”.
Tamén foi presentado o pregoeiro de XXXIII edición da Festa da Faba. Trátase de Pepe Peinó, “un referente cultural na Mariña e moi querido pola xente do noso concello. Profesor de profesión e escritor e cómico de vocación, moi vinculado a Lourenzá, onde pasou varios veráns da súa xuventude e onde anos máis tarde colaborou dirixindo e representando obras de teatro, moi celebradas polo público e a veciñanza laurentina”.
Nesta edición da Festa da Faba, que se celebrará do 3 ao 5 de outubro, poderán degustarse as recoñecidas fabas de Lourenzá e participar en actividades culturais, musicais, mostras de artesanía, gastronomía, etcétera.