15 de Decembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

“Para cando a inauguración do CEIP de Cervo?”, por Diego Fernández

22-11-19

Son Diego Fernández, pai dun neno de 4 anos alumno do colexio de Cervo, e concelleiro do BNG.
Moito ten chovido en Cervo desde aquel 10 de setembro pasado cando Carmen Pomar, Conselleira de Educación, aseguraba que “non hai ningún centro en Galicia no que se vaia retrasar o inicio das clases a causa das obras”. Ou insistía en que “garantimos que as aulas están listas para que os escolares inicien as clases”. Ou teimaba que “todo está preparado para que comecen as clases, e na medida do posible, convivan cos últimos retoques porque vaise realizar fora do horario lectivo e non van interferir para nada na actividade escolar”. Así poderíamos seguir parafraseando á Conselleira Pomar ou á Delegada Territorial de Educación, Mariña Gueimunde, até encher folios e folios de mentiras e acusacións dirixidas ás familias do alumnado do CEIP de Cervo. Mais o de informar debidamente á comunidade escolar e procurar solucións ao problema… iso non vai con elas nin co seu partido. Igualiño ca o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, desaparecido do mapa neste tema. Villares leva todo este tempo amosando unha pasividade e un desleixo verdadeiramente abraiantes ante este tema de capital importancia. É a del unha actitude totalmente censurable.
Hoxe, 21 de novembro, dous meses despois daquel inicio do ano escolar que todas as nais e pais coñecemos, observamos que o cole de Cervo segue a ter unhas grandes deficiencias. Por exemplo, non hai biblioteca nin ximnasio. O que si segue habendo son filtracións de auga e espazos do colexio que non son accesibles para o alumnado porque están ocupados co material das obras. A cancela de entrada do colexio non existe, e no seu lugar hai uns valos de obras. E a enumeración de deficiencias podería seguir, porque hai ben delas.
Ademais, cómpre alertar de que as obras SI se están a levar a cabo en horario lectivo, provocando as correspondentes molestias ao alumnado e profesorado que están nas clases (ruídos de martelos pneumáticos ou trades, golpes de martelo, balbordo propio dun edificio en construción e non dun centro educativo).
Dous meses. Dous meses van dende o inicio das clases e ninguén da Consellería de Educación nin do Concello de Cervo da a cara.
Todos e todas sabemos que neste ano escolar aínda non rematarán as obras. Enganaron a todo o mundo.
Despois de todo este tempo de aguantar insultos, mentiras, incumprimentos e silencios de quen nos debería estar pedindo desculpas (ou cando menos darnos ás nais, pais e alumnado, explicacións do sucedido), eu como pai afectado reclamo a petición de dimisión da Conselleira de Educación, Carmen Pomar, e da Delegada Territorial de Educación, Mariña Gueimunde, pola nefasta xestión deste problema do que sempre foron conscientes. O único que descoñezo é se tamén foron conscientes ou non da escandalosa e vergoñenta bochornosa xestión. Tamén censuro abertamente a actitude neglixente de despreocupación e inacción do alcalde de Cervo, Alfonso Villares. O colexio de Cervo só lle interesa para sacar rédito político en campaña electoral.
Conselleira de Educación, Delegada Territorial, Alcalde de Cervo: teremos que agardar até a vindeira cita electoral para a inauguración do colexio de Cervo?

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive