O BNG DA MARIÑA URXE Á XUNTA A QUE EXPLIQUE OS MOTIVOS POLOS QUE SUPRIMIU O TRATAMENTO DE QUIMIOTERAPIA NO HOSPITAL DA COSTA
Ermida denuncia que esta é unha nova proba do modelo político do Partido Popular centrado no desmantelamento dos servizos sanitarios e o recorte do dereito á saúde dos mariñáns
“A dispensación de tratamentos non pode estar suxeita a intereses políticos nin á falla de previsión da xerencia hospitalaria”
Burela, 8 de outubro de 2012. A candidata número 3 do Bloque Nacionalista Galego ao Parlamento de Galiza pola provincia de Lugo, Ana Ermida, o responsábel comarcal da formación na Mariña, Antonio Veiga e o viceresponsábel do BNG tamén na comarca, Xoán Estúa, urxen á consellería de Sanidade a que aclare os motivos polos que o Hospital da Costa decidiu suprimir o tratamento de quimioterapia para os enfermos de cancro.
“Durante os últimos días, no BNG recibimos varias chamadas alertando de que a dirección do hospital estaba comunicando aos enfermos de cancro que, a partir desta semana, deixarían de recibir o tratamento de quimioterapia. Estamos ante un feito de extrema gravidade co que a Xunta de Galiza, unha vez máis, recorta dereitos aos máis necesitados. Esta medida parécenos un atentado contra a saúde dos pacientes e por iso esiximos á consellería de Sanidade que aclare a situación e volva repoñer a prestación de dito tratamento no Hospital da Costa. ” – explicou Ana Ermida.
Dende as filas nacionalistas denuncian que “se non se repón a dispensación do tratamento de quimioterapia, estaremos ante un novo paso da Xunta do Partido Popular para desmantelar o Hospital da Costa, no que a redución de persoal e de servizos prestados está diminuíndo ata límites insospeitados a calidade da asistencia que reciben os pacientes. A supresión do tratamento de quimioterapia é imprescindíbel para a curación de enfermidades graves e nos pode ser suspendido segundo os intereses da xerencia, que volve demostrar a súa falla previsión e incapacidade de xestión”.
“Baixo o nome de axuste – sentenciou Ermida- a conselleira de Sanidade, co visto bó do presidente en funcións, Alberto Núñez Feijóo, está a recortar o dereito á sanidade e o dereito á saúde, e dende o BNG non estamos dispostos a permitilo”.