O CONCELLO VALOU O ENTORNO DO MOSTEIRO DE SALVADOR TRALO DERRUBE DO TEITO DO EDIFICIO, PROPIEDADE DO SEMINARIO DE MONDOÑEDO.
Lourenzá, 8 de outubro de 2012. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez, ordeou protexer con valos o entorno do mosteiro de San Salvador despois de que o arquitecto técnico municipal detectara na mañá de hoxe que o teito do edificio se afundira e incluso caeran algunhas vigas. A rexedora tomou esta decisión “para evitar males maiores ante o temor de que as paredes do mosteiro poidan ceder e derrubarse”.
Emma Álvarez explicou que o inmoble “é propiedade do seminario de Mondoñedo, porque antiguamente era o seminario menor. Os baixos estaban cedidos ao Concello para a escola da fundación pero ante o risco de que esto pasara xa hai tempo que retiramos o material que tiñamos aí, despois de advertir en varias ocasións do mal estado en que se atopaba o edificio”.
Dende o Concello de Lourenzá avisaron do desplome do teito ao responsable do mosteiro, Antonio Valín, que xa estivo vendo o ocurrido esta mañá, segundo manifestou a alcaldesa, quen tamén anunciou que “para esta tarde está prevista a visita do ecónomo e dun arquitecto para analizar que decisión se toma por parte do Bispado de Mondoñedo”. A alcaldesa tamén comunicou o sucedido á Consellería de Cultura e unha arquitecta deste departamento da Xunta desprazarase a Lourenzá na tarde de hoxe.
Emma Álvarez congratulouse de que “afortunadamente non houbo que lamentar danos persoais nin males maiores”.