Burela, 13 de xaneiro de 2015. O Concello burelés recibe unha subvención da Xunta de Galicia para a súa Aula CeMIT co obxectivo de garantir a súa continuidade. Mediante esta nova subvención, a Xunta concédelle15.000 euros durante este ano 2015 ao Concello, para que este reactive a actividade actualmente suspendida neste centro. Dende a Concellería de Educación valoran positivamente esta axuda e creen que a aula podería estar de novo aberta o vindeiro mes de marzo, despois de levar a cabo os trámites administrativos pertinentes.
A Concelleira de Cultura de Burela, Monica Pedre, explicou que “no seu día, solicitámoslle á Xunta a renovación da subvención para a continuidade da Aula CeMIT e acaba de chegarnos a resposta, concedéndonos a prórroga da subvención equivalente á do ano pasado. Co cal, a Aula CeMIT de Burela vai contar cunha subvención da Xunta de 15.000 euros”. Pedre engadiu que “nestes momentos a nosa Aula CEMIT estaba inactiva, xa que a subvención ten unha vixencia anual e esa vixencia rematou o día 31 de decembro de 2014. Agora, nos próximos días, imos comezar tódolos trámites administrativos para proceder á posta en marcha de novo da aula”. A edil popular considera que “podería estar operativa ao longo do mes de marzo, non antes, dende logo. En todo caso, dende o Concello avisaremos con tempo para que as persoas que estean interesadas en realizar algún tipo de actividade vinculada coa informática, poidan inscribirse”.