Cervo, 6 de marzo de 2018.- O Concello de Cervo vén de instalar no recinto do IES Marqués de Sargadelos dous composteiros co obxectivo de fomentar a autoxestión dos residuos orgánicos entre o alumnado.
O rexedor, Alfonso Villares, e a edil de Medio Ambiente, Manuela Méndez, foron os encargados de facer entrega destes recipientes ao director do centro, Xosé Manuel Rubal, e ao docente, Xan Xosé Saa.
A montaxe dos composteiros foi presenciada por un grupo de alumnos de 1º da ESO, pero nas vindeiras semana os técnicos municipais responsables achegaranse ata o centro para explicar o funcionamento e compartir co resto do alumnado e profesorado nocións sobre a compostaxe e as súas vantaxes.
Méndez explicou que esta iniciativa forma parte da campaña de compostaxe que a concellería de Medio Ambiente vén desenvolvendo periodicamente dende o ano 2010, ata o de agora centrada fundamentalmente o ámbito doméstico; pero que “quixemos facer extensible tamén aos centros educativos porque cremos que son ferramentas que poden resultar útiles para reforzar, dun xeito totalmente práctico, o currículo formativo en materia medio ambiental”.
Villares destacou que esta inciativa, que promoveremos tamén nos colexios de Cervo e San Ciprián, é unha das liñas da estratexia ambiental que vimos desenvolvendo dende o Concello, neste caso pretendemos fomentar a autoxestión dos residuos orgánicos entre o alumnado, incidindo na concienciación desde os propios centros de formación, para que eles mesmos poidan comprobar como se consegue un compost ou fertilizante natural de alta calidade, ao tempo que reducen a xeración de lixo que iría ao contenedor convencional, contribuíndo así coa protección do medio ambiente”.
Dende o Concello –engadiu- pretendemos cubrir todo o proceso deste programa que vai dende “a entrega gratuíta dos composteiros, a formación e apoio aos rapaces e ao profesorado na posta en marcha, así como o posterior asesoramento en todo o que precisen, co fin de que a experiencia sexa gratificante en tódolos aspectos”.
A edil de medio ambiente recordou o éxito que está a ter a campaña de compostaxe doméstico, xa que a día de hoxe, “xa son máis de 170 as familias do noso Concello as que contan con este recipiente nos seus fogares e agardamos que entre o alumnado e o corpo docente teña tamén boa acollida”.
Pola súa banda, Villares incidiu nas multiples vantaxes desta práctica “coa que contribuímos a reducir o volume global dos residuos, minimizamos o excesivo uso de fertilizantes químicos, reducimos a frecuencia de recollida dos contenedores xenéricos por parte dos servizos municipais e , consecuentemente, o custo económico que supón para as arcas públicas a súa axeitada xestión e tratamento”.
