Burela, 8 de maio de 2018. O alcalde, Alfredo Llano, felicita a todos os colectivos que este ano están de aniversario en Burela. Trátase da Coral Polifónica de Burela, da alfombra floral das festas patronais e da residencia da terceira idade.
O rexedor declarou que “este ano temos que dicir que en Burela estamos de aniversario con gran satisfacción, por exemplo temos a Coral que cumpre trinta anos, a residencia de maiores que cumpre vintecinco anos e a alfombra das festas que tamén cumpre vintecinco anos. Polo tanto imos facer algún evento para celebrar estes tres aniversarios”.
O alcalde burelés contou que “este sábado xa temos un encontro de palilleiras a partir das once e media na nave de redes do porto de Burela, é a once edición e imos procurar celebrar alí este sábado con elas unha xuntanza, que penso que atraerá a moita xente e poñerá a Burela no mapa das actividades que se fan na comarca este fin de semana. Tamén temos á Coral co seu trinta aniversario que vai celebrar o Día das Letras Galegas, pero vai facer a actuación un pouco adiantada a ese día, este sábado a partir das oito e media da tarde. Van actuar dúas corais máis e polo tanto vai ser unha celebración de moito nivel e animamos a todo o mundo a que se achegue ao auditorio”.
Alfredo Llano engadiu que “a alfombra das festas de Burela tamén celebra o seu vintecinco aniversario, algo que representa que hai unha repercusión social enorme onde se ve que existe solidariedade e participación entre os veciños e un proxecto común entre todos os que conforman un quilómetro de lonxitude, que é o que ten esta alfombra. É unha lección de cooperación e danlle unha singularidade extraordinaria ás festas de Burela, así que imos procurar axudar en todo o que se poida e invitar a todo o mundo a que participe na confección desta alfombra dos vintecinco anos”.
O alcalde lembrou que “na residencia de maiores tivemos o outro día a oportunidade a concelleira de Servizos Sociais, Patricia Otero, e mais eu de estar alí cos residentes e cos profesionais, asistimos a unha misa e escoitamos as primeiras cancións dunha sesión vermú. Esta residencia fai unha labor extraordinaria no noso concello, ten un interese enorme en atender perfectamente á xente que alí vai vivir, tanto os que teñen algún tipo de dependencia como os que non, e é unha residencia modélica no aspecto de ocupación e de atención”.