Barreiros 31-7-18. Como xa ven sendo costume nos últimos anos, o grupo de teatro do Colectivo Cultural Ollomao levará a cabo unha reposición da súa última produción coa finalidade de que aquela xente que, por residir fóra do concello, non puido asistir á súa estrea teña agora a posibilidade de ver unha nova representación da mesma en período vacacional.
Neste caso trátase da obra “Enciclopedia Álvarez”, obra que supón un repaso á educación da época franquista, un exercicio de memoria histórica cunha grande carga de humor. Unha historia que “nos fai pensar mentres escachamos coa risa” en palabra dun dos espectadores asistentes á estrea.
Este espectáculo, do que xa se levan realizado 13 funcións, foi galardoado co premio Conde Santo á Mellor obra e co premio Lourenzo ao Mellor Actor Protagonista no I Certame de teatro afeccionado de Lourenzá (no que tamén estivo nominada á mellor posta en escena e á mellor actriz protagonista) e cos premios á Mellor Montaxe e Mellor Actriz Protagonista nos XXI Encuentros Teatrales de Vegadeo (Asturias). Foi tamén seleccionada para participar no IX Encontro de teatro afeccionado de Betanzos 2018, no Festival Teatrofilia de Vedra e na Mostra Internacional de teatro amador Estenarúa de Ferrol.
Despois de máis dunha ducia de representacións, en moitas das cales houbo que colocar o cartel de “non hai entradas” (Betanzos, Vedra, Vegadeo, Rinlo,…), pódese considerar esta produción como un dos éxitos indiscutibles do teatro afeccionado galego desta tempada.
Agora, e antes de iniciar unha nova xeira de actuacións que levarán ao grupo a Riotorto, Puerto de Vega, Meira, Sarria, Viveiro ou Alfoz, entre outros, regresa ao seu punto de partida. A función terá lugar este vindeiro domingo día 5 de agosto nos Colexios Vellos de San Miguel de Reinante ás dez da noite (22:00 h). A entrada terá un prezo de 3 € e poderase adquirir, de forma adiantada, o mesmo día 5 de 13 a 15 horas na mesa habilitada a tal efecto na Praza do Souto de San Miguel, ou ben na billeteira do propio lugar da actuación desde media hora antes do inicio da mesma.