Mondoñedo 22 de outubro do 2018. O BNG de Mondoñedo, logo de falar cos produtores afectados pertencentes ao Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica que expuxeron na praza do concello, “lamenta” a pouca atención que recibiron por parte da alcaldesa, Elena Candia, xa que o lugar que ocupaban os postos de venta en ecolóxico tiñan que compartir o escenario con outros vendedores que non o eran.
O voceiro do BNG no concello, Eloi Cabanas denuncia a falta de previsión do goberno xa que provocou o abandono dos produtores do CRAEGA do mercado, “entendemos que nunhas feiras e festas como estas onde hai postos de venta por todos lados é difícil encontrar un lugar apropiado pero, se o acordo era dispoñelos nun lugar diferenciado do resto de produtores para non confundir os consumidores, igual que se fai noutras feiras ou festas, había de respectalo”.
O BNG entende que é moi importante a promoción deste tipo de produtos xa que a demanda na sociedade sobre cuestións ecolóxicas é cada vez maior, “agora esperamos que o feitos sucedidos estes días non faga perigar a presenza en Mondoñedo de produtores ecolóxicos en vindeiras edicións da feira”.
-CAMPAÑA CONTRA A SUBA DA LUZ-
O BNG critica tamén a aptitude pouco democrática Elena Candia por intentar boicotear a campaña que está desenvolvendo o BNG contra o incremento da factura da luz por todo o país.
Segundo Eloi Cabanas, cando lle chegou á alcaldesa información de que o BNG tiña instalada nas San Lucas unha mesa de recollida de sinaturas na que se pedían medidas concretas para a diminución da factura eléctrica de todos os galegos e galegas e para que as empresas instaladas no noso país sexan máis competitivas, esta intentou presionar á organización das feiras e das festas para que se impedira a nosa labor informativa con acusacións infundadas de que ocupabamos moito espazo e que interrompiamos o posible paso de vehículos de emerxencia.
O voceiro nacionalista apunta que as acusacións eran falsas e infundadas, “levábamos unha mesa de 80 cm de ancho e un panel informativo na parte de atrás” pero que por non polemizar nun momento no que había moita afluencia de xente ao redor da mesa querendo asinar decidiron cambiar de ubicación e continuar a súa labor informativa e de recollida de sinaturas noutro espazo da feira.