Viveiro, 18 de decembro de 2019. O Concello de Viveiro fai un balance moi satisfactorio da campaña solidaria de recollida de xoguetes posta en marcha polo Nadal, agradecendo a boa acollida entre os veciños e a elevada participación.
A iniciativa está destinada a repartir os xoguetes entre as familias do municipio con menores a cargo (de 0 a 16 anos) en situación de vulnerabilidade. O concello pretendía ampliar o alcance da campaña de recollida que tradicionalmente se realizaba en colaboración con outras entidades do municipio.
“Os nosos veciños e veciñas, unha vez máis, mostraron a súa faceta máis solidaria e xenerosa, o Nadal é un momento máxico para os máis pequenos e non queremos que un neno ou unha nena quede sen xoguete”, afirma María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.
“Ademais da labor solidaria e do compoñente educativo de transmitir aos nosos fillos e fillas a importancia da xenerosidade e de ser capaces de desprenderse dos seus obxectos para facer felices a outros nenos e nenas, cómpre resaltar a importancia da reciclaxe e de dar unha nova vida aos xoguetes”, engade a alcaldesa.
Rematado o prazo de entrega de xoguetes, agora serán os servizos sociais municipais os encargados de clasificalos e distribuílos entre as familias.