A Xunta de Goberno deu luz verde a tres convenios de colaboración con Alfoz, Guitiriz e Negueira de Muñiz; e a licitación das obras da mellora viaria da parroquia de Conforto, na Pontenova que beneficiarán de xeito directo a máis de 9.000 veciños e veciñas
Lugo, 3 de outubro de 2025. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un investimento de máis de 2M€ para a mellora de vías e servizos na provincia. Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen detallou que entre as cuestións que se sacaron adiante esta mañá destacan tres convenios de colaboración con Alfoz, Guitiriz e Negueira de Muñiz; a licitación dunhas obras de mellora viaria na parroquia de Conforto, na Pontenova; e o inicio da contratación da subministración da emulsión asfáltica.
“Ser o Concello dos concellos é a idea vertebradora de toda a nosa acción de Goberno. Así o demostramos cada semana coas decisións que tomamos na Xunta de Goberno, cando elaboramos os Orzamentos cada ano, ou cando aprobamos o Plan Deputación con criterios de reparto obxectivos. Facémolo co convencemento de que cooperar cos concellos é a mellor maneira de ser útiles á veciñanza”, valorou García Porto.
Nese sentido puxo en valor os convenios aprobados con Alfoz, Guitiriz, Negueira de Muñiz e as obras que se farán na Pontenova “que beneficiarán de xeito directo a máis de 9.000 veciños e veciñas”.
En Alfoz, a Deputación aprobou un investimento de 250.000€ para que este Concello da Mariña poida acometer un total de 18 actuacións na súa rede viaria. Unhas obras moi importantes porque “virán mellorar significativamente a mobilidade en 8 das 9 parroquias deste municipio”. E detallou a Deputada que os traballos a realizar con cargo a estes fondos provinciais afectarán a 11,2 quilómetros de estradas municipais:
Na parroquia de Carballido acondicionarán o entorno do circuíto de motocrós, o acceso ao lugar da Agüeira, e a comunicación coa parroquia de Adelán.
Ademais, nesa parroquia de Adelán actuarase no camiño das Anduriñas.
Entre a parroquia Mor e Reirado, mellorarase o camiño que vai desde a estrada provincial LU-P-0207 ó Liñar. E tamén un Camiño no Penido.
Na parroquia de Bacoi acondicionarase un camiño no Gorvidal.
Na da Lagoa, un en Lavanco e outro en Lameiro.
Na parroquia das Oiras mellorarase un camiño en Insua Nova e outro na Trabada.
E finalmente, na parroquia do Pereiro levaranse a cabo seis actuacións para acondicionar un camiño no Rubeiro, outro na Pesquita, os que van desde a LU-P-6306 a Faián e a Ferradás, outro no Celeirote e o último en Celeiro Vello.
“A maquinaria agrícola, as condicións climáticas e o paso do tempo desgasta as vías no rural da provincia e moitas veces os concellos pequenos non contan co orzamento suficiente para poder acometer estas actuacións”, explicou a Voceira socialista.
En Guitiriz a Deputación achegará 52.165,25€ para axudar no financiamento dos gastos derivados da execución de diferentes obras encamiñadas á mellora do polígono industrial e á rede de saneamento do municipio. No que ten que ver co polígono, a Deputación colaborará na mellora da repavimentación do firme e na instalación de contedores. E no que ten que ver co saneamento axudará a financiar a reparación de pozos nas rúas Vista Alegre, Perexil e Portopulgo.
Ademais, na EDAR, os fondos provinciais servirán para colaborar na implantación da xestión dixital, o que permitirá controlar o cadro de bombas e o caudalímetro da entrada. Tamén se substituirá a sonda de oxíxeno. A achega da Deputación súmase a máis de 150.000€ de Fondos Europeos para que Guitiriz poida acometer estas melloras.
Ademais, a Deputación de Lugo colaborará co Concello de Negueira de Muñiz con 145.411,75€ na adquisición dunha auto formigoneira autocargable. “Un vehículo moi versátil e de moita utilidade nun municipio coma este, rural e cunha extensa rede de infraestruturas que manter, porque permite fabricar formigón con medios propios para facer obras de mantemento en vías municipais, pequenas actuacións hidráulicas ou cimentacións para equipamentos”, explicou a Deputada. O obxectivo é que Negueira de Muñiz aforre custes e gañe en eficiencia nas pequenas obras de mantemento.
Licitación de obras na Pontenova
No que ten que ver coas obras, a Xunta de Goberno deste venres licitou por 137.151,71€ a contratación da mellora da rede viaria na parroquia de Conforto. Tratase dun proxecto financiado pola institución provincial para a rehabilitación dunha vía de titularidade municipal que parte da estrada LU-P-4809, á altura do río Turia, cara a Ermida de San Antonio, dando servizo a un establecemento hostaleiro e varias vivendas.
Esta parroquia, “que ten na mobilidade un dos seus principais desafíos, poderá acometer con cargo a este orzamento a mellora de algo máis de un quilómetro de vía”. Segundo detallou García Porto os traballos consistirán na reapertura das cunetas, pavimentación e o pintado da vía mediante marcas reflexivas brancas.
Subministración da emulsión asfáltica
Licitado tamén o contrato de subministración da emulsión asfáltica para o Parque Móbil da Deputación. Son un total de 1.512.500€ por un contrato dun ano, que servirá para que o Parque Móbil poida acometer obras de mellora en estradas municipais e pistas rurais de toda a provincia. “Trátase dun servizo cun impacto moi importante para os concellos, porque o Parque Móbil permite que este tipo de actuacións se fagan de xeito máis rápido, eficiente e aforrando custes”, engadiu García Porto.