Ortigueira, 4 Outubro, 2025. A unidade de drons da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) colabora desde esta mañá no operativo de busca dun home de máis de 80 anos desaparecido no concello de Ortigueira.
O 112 Galicia tivo constancia da desaparición arredor das 16:00 horas da tarde de onte, momento no que a Garda Civil solicitou a incorporación de máis medios para reforzar as tarefas de procura.
O dispositivo de busca céntrase na zona de Lugar Rande, en Couzadoiro, e conta coa participación da Policía Local, o GES de Ortigueira e efectivos de Protección Civil.
Deste xeito, unha dotación do Grupo de Apoio Loxístico da AXEGA, especializada no manexo de drons, intégrase desde primeira hora deste sábado no operativo, apoiando así aos equipos despregados no terreo.