A portavoz popular, Eugenia Requeijo, lamenta que “o alcalde non se preocupe por recuperar instalacións que son propiedade do Concello” como tamén é o caso da aldea etnográfica de Carelle Grande
Muras, 3 de outubro de 2025. O Partido Popular de Muras advirte do estado de abandono no que se atopa a antiga escola unitaria de Irixoa porque “o alcalde non fixo nada dende que foron roubadas as ventás”.
A portavoz, Eugenia Requeijo, explica que “o local foi rehabilitado na pasada anualidade cun investimento de en torno aos 150.000 euros con cargo ao Fondo de Compensación que achega a Xunta”. Pero, despois de investir ese diñeiro, a escola sufriu o roubo das ventás unhas semanas despois de concluírse a obra e ser recibida polo Concello.
A escola era empregada anteriormente polos cazadores para as súas reunións e xuntanzas e xa fora vítima da subtracción de ventás e outro equipamento empregado polos usuarios.
Agora, nove meses despois do último roubo, esta edificación de titularidade municipal continúa aberta e sen reparar. A popular lamenta que “o alcalde non se preocupe por recuperar instalacións que son propiedade do Concello” e, polo tanto, de tódolos veciños e veciñas. Especialmente despois de ter investido parte da achega que a Xunta fai ao Concello de Muras con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental.
Eugenia Requeijo lembra que “a aldea etnográfica de Carelle Grande, tamén propiedade do Concello, se atopa nunha situación similar: abandonada, coas distintas edificacións abertas despois de seren vandalizadas”.