O desenlace da estrea do Burela FS Pescados Rubén en Primeira División LNFS, despois de festexar a permanencia para seguir gozando da máxima categoría, precipitouse pola exclusión do Puertollano FS da competición por parte da RFEF. No entanto, Vista Alegre terá a merecida despedida da histórica tempada laranxa 2012-13, aínda que non sexa en liga regular, coa visita do Futsal Minerva de Berna, campión da Premier League suíza por segundo ano consecutivo. O amigable está fixado para o vindeiro xoves, 9 de maio, ás 20.00 horas.
Dende o Burela FS, o director xeral, José Luis Sáez, trasladou o seu pesar pola noticia da exclusión do Puertollano, que xa fora sancionado na clasificación en dúas ocasións por impagos arbitrais: “É triste pero nin o fútbol sala nin ningún outro deporte son alleos á grave crise económica na que está inmerso o país. Estas medidas reafirman o traballo da LNFS para salvagardar a perdurabilidade da competición; o presuposto de gastos de calquera club ten que adaptarse ao volume real ingresos” explicou o burelista.
Neste sentido tamén coincidiu o técnico laranxa, Juanlu, puntualizando sobre unha situación que non era nada inesperada e apenado por non poder cerrar a liga na bomboneira: “Desde agosto era un segredo a voces que o Puertollano non estaba en condicións de saír a competir. Para o Burela FS realmente é unha pena non despedir a liga ante a súa afección, porque sería un partido bonito para a grada, aínda que persoalmente eu non me sentiría moi cómodo xogándoo. Nós teriamos a obriga de saír a gañar e respiraríase un pouco a sensación de ser verdugos dun grupo de profesionais que se partiron o peito polo equipo e que non teñen a culpa dos obstáculos do club” confesou o adestrador, que ve no amigable da próxima unha certa compensación para poder clausurar o exercicio coa afección: “Cerro a tempada moi satisfeito con estes meses en Burela; a única espiña que teño cravada é non brindar a vitoria para Vista Alegre”.