- Os Técnicos Superiores e de Grao Medio concentráronse este luns, 25 de maio, no Hospital Público da Mariña para reclamar avances reais nas súas condicións laborais
O colectivo denuncia que, tras anos de espera, continúa sen obter unha resposta xusta ás súas reivindicacións e esixe o recoñecemento da súa categoría profesional, unha reclasificación acorde coa súa cualificación e unha retribución inmediata e adecuada ás súas funcións. Os profesionais reclaman tamén axilidade nas solucións, lembrando que levan demasiado tempo entre promesas incumpridas e parálise administrativa.
- A Deputación de Lugo pechou con éxito rotundo o programa Rutas polo Románico, esgotando as 300 prazas dispoñibles e creando listas de agarda
A iniciativa, impulsada por Pilar García Porto para celebrar o Día da Transrománica, desenvolveuse en cinco xornadas con 16 rutas guiadas e gratuítas que puxeron en valor o patrimonio románico da provincia. A alta demanda en concellos como Taboada, Sober, Antas de Ulla, Viveiro ou Pantón confirma o interese polo turismo cultural e avala o modelo da Deputación, baseado na valorización do patrimonio como motor económico e social. As rutas permitiron descubrir o románico das Terras da Ulloa, da Ribeira Sacra e da capital lucense, consolidándose como unha proposta estable dentro da estratexia turística provincial.
- O delegado territorial da Xunta en Lugo asistiu este domingo á degustación de produtos de Porco Celta
Celebrouse no marco das festas de Vilamar, en Barreiros.
- O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, participou este sábado en Arante na inauguración da exposición Un segredo por descubrir no Santuario de Nosa Señora das Virtudes
Trátase dunha mostra apoiada pola Xunta que pon en valor o patrimonio histórico, artístico e xacobeo do templo. Comisariada polo historiador Daniel Manuel Vázquez Vila, a exposición reúne oito paneis de carácter didáctico que repasan a historia do santuario, as súas pinturas medievais, góticas e marianas e a súa relación cos Camiños do Norte. O acto enmarcouse no inicio das festas, que concluíu coa lectura do pregón a cargo de Carmen Rodríguez Cancelo.
- A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou este sábado en Muras a décima edición da Romaxe Artesá da Chaira, que se celebrou ao longo da xornada
Durante a visita, destacou a importancia do evento para impulsar a comercialización do produto artesán galego, achegar os oficios á sociedade e reforzar a marca Artesanía de Galicia como sinónimo de calidade e traballo feito á man. Nesta edición participaron 20 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, especializados en marroquinería, cantería, xoiería, cerámica, forxa, bordado ao aire, cestería, xoguetes, tecido, debuxo, vidro, elaboración de roupa, bixutería, sombreirería e complementos de moda.
- Este sábado seguiron as actividades da Gastropraza na praza de abastos de Ribadeo
Os premiados e recoñecidos queixos de Gandería Quintián foron os protagonistas. Os asistentes puideron ver a elaboración de diferentes receitas, que despois tiveron a oportunidade de degustar. A Gastropraza está organizada polo Concello de Ribadeo, a asociación de Cociñeiros Lugo, a Xunta de Galicia e Acisa.
- ABANCA, Afundación e o Concello da Fonsagrada inauguraron este venres a exposición Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no século XX
O acto contou coa presenza do alcalde, Carlos López López, e de representantes institucionais de ABANCA e Afundación. A mostra, que poderá visitarse na Casa da Cultura ata o 3 de xullo en horario de 14.00 a 20.00 h, forma parte do proxecto «Corrente cultural», co que Afundación impulsa a difusión artística por toda Galicia. A exposición reúne corenta fotografías procedentes dos arquivos da Axencia EFE que retratan a emigración española e galega ao longo do século pasado, ofrecendo unha mirada humana e documental sobre a historia de millóns de persoas que tiveron que abandonar o seu país para sobrevivir.