NOTA DE PRENSA
Insensibilidade no goberno municipal de Xove coas persoas discapacitadas e con mobilidade reducida
O responsábel local do BNG de Xove, Marco López, e mais o concelleiro da formación nacionalista, Xesús Fernández Bouza, compareceron onte perante os medios co obxectivo de dar a coñecer publicamente a súa preocupación pola carencia de sensibilidade do actual equipo de goberno municipal coas persoas discapacitadas, cos dependentes e, en xeral, coa xente con mobilidade reducida. “A nosa chamada de atención ten como finalidade a eliminación dos obstáculos físicos que impiden que determinados grupos de poboación poidan chegar, acceder ou moverse por un edificio, lugar ou zona en particular”, asegurou Bouza ao tempo que advertiu que todo se pode resumir nun “problema de accesibilidade e seguridade”.
Desde o 27/03/2008, a quen vulnere as normas de accesibilidade ou igualdade de oportunidades, poderánselle impoñer multas de até un millón de euros: “Acaso descoñece a lexislación vixente o executivo municipal?”, advertiu Marco López. Estas vulneracións das normas estatais e autonómicas (Galiza: Lei 8/97 de 20 de agosto, publicada no DOG 166 de 29/08/97) foron reguladas na Lei 49/2007, que estabelece o réxime de infracións e sancións no eido da igualdade de oportunidades, a non-discriminación e mais a accesibilidade universal de persoas con discapacidade.
O BNG xovense denunciou e levou a diferentes plenos o seu malestar polo incremento de barreiras arquitectónicas no acceso tanto a edificios públicos como a instalacións de servizos esenciais e de lecer. Os nacionalistas ven a necesidade de artellar un plan ético de actuación neste eido, á vista da proliferación de malos exemplos promovidos polo PP en todo o municipio. En concreto, o concelleiro Xesús Fernández Bouza pediu a adhesión e comprensión de toda a sociedade neste tema, dado que desde o BNG levan agardando por unha solución pacientemente, “pero a nosa responsabilidade como xestores públicos impídenos adiar máis este problema”. Tamén afirmou que esta reivindicación sae á luz para minguar as dificultades de desprazamento das persoas que utilicen cadeira de rodas, que anden en muletas, que teñan unha idade avanzada ou, sinxelamente, que padezan unha eiva física.
O responsábel local do BNG falou en concreto do acceso ao Salón de Actos ubicado no Centro Cívico: “Onde primeiro se tirou a rampla e despois se pensou en poñer un ascensor”, manifestou en referencia ao derrubamento da única entrada habilitada para as persoas discapacitadas sen que o equipo de goberno pensara antes en cubrir esa necesidade coa construción dun elevador ou plataforma. Marco López asegurou que desde o BNG cren que esta foi unha boa obra pola amplitude que outorga unha praza aberta: “Agora ben”, subliñou a continuación o responsábel local, “as cousas téñense que facer con sentidiño e aquí comezouse a casa polo tellado”.
Da mesma maneira, López advertiu que as marquesiñas que protexen das inclemencias do tempo aos usuarios do transporte público, ademais de serviren de improvisado taboleiro de esquelas, son unha mostra de como dificultar a vida diaria das persoas con discapacidade para acceder e gozar dos bens e servizos que ofrece a sociedade. Isto impide a integración e normalización destes cidadáns na súa contorna.
Así mesmo, Marco López quixo mencionar o Roteiro dos Muíños da Rigueira como un terceiro exemplo do que non se debe facer. O responsábel local asegurou que o camiño á beira do río foi unha reivindicación histórica dos nacionalistas e que, porén, desde o BNG non dubidaron en valorar a recuperación de dominio público que supuxo o paseo, “aínda que só é un bosquexo e todo está por facer”. López creu de xustiza denunciar que os paus colocados no medio do carreiro impiden moverse con normalidade “cando levamos o carro dun pícaro, cando montamos en bici ou, sinxelamente, cando queremos camiñar sen dificultade”.
O concelleiro Xesús Fernández Bouza afirmou, en relación á toma en consideración da eliminación de barreiras arquitectónicas, que moito se fixo “a proposta nosa”, como o acceso á piscina ou o guindastre para poderse bañar a xente con mobilidade reducida. E aseverou que os novos inquilinos da Casa do Concello son moi receptivos nalgunhas cousas e valoran de xeito positivo todas as ideas que o grupo do BNG lles da para gobernar, “pero nestes temas están en cueiros”.
Desde o seu cargo orgánico no Bloque Nacionalista Galego local, Marco López fixo fincapé en que os problemas de accesibilidade afectan de xeito especial ás persoas en cadeira de rodas, pero tamén quixo destacar que o INE cifra nun 9% a poboación que ten deficiencias que dificultan o seu desprazamento: “Unha cifra que nos concellos avellentados se dispara”, retrucou. “Unha cousa é avanzar paseniño, segundo se vaia podendo, na erradicación das barreiras arquitectónicas que forman parte desde hai anos do mobiliario urbano e rural do Concello, e outra moi distinta é creala con obra nova”; por iso a esixencia da súa obrigada eliminación.
Finalmente tanto Xesús Fernández Bouza como Marco López aseguraron que a súa formación política non pode entender que o Concello de Xove, cun orzamento total que ascendeu este ano 2009 a preto de dez millóns de euros (máis de 1.500 millóns das antigas pesetas), non sexa máis ambicioso no reforzo da igualdade en dereitos de todos os cidadáns sen ter en conta as súas circunstancias: “As administracións deberiamos ter unha sensibilidade meirande neste ámbito e sermos os primeiros en respectar e cumprir as leis”, quixo rematar Bouza.





















Entre as 10:00 e as 14:00 horas haberá arredor dunha decena de postos con produtos agroecolóxicos e de proximidade, ademais dun punto informativo para persoas interesadas en emprender no sector e actividades infantís. A alcaldesa Marta Rouco destaca que a feira busca dar vida ao centro da vila e visibilizar o rural como espazo de emprendemento, mentres que a concelleira Paula Vigo salienta a colaboración con A Estruga para ampliar a oferta habitual do mercado. O Concello anima á veciñanza a achegarse e coñecer os proxectos participantes.
Nesta ocasión, o grupo desprazouse ata A Pontenova para realizar un percorrido de 17 quilómetros que combinou a Ruta dos Fornos, a Ruta do Ferrocarril e a Ruta do Muiñeiro Namorado. A actividade, de dificultade baixa, iniciou o seu percorrido na Praza dos Fornos da Pontenova e rematou en San Tirso de Abres.
A programación do último trimestre inclúe Maiores con Arte, Moito máis que café, Entre risas e animación domiciliaria. Tras os obradoiros iniciados en maio, o Concello mantén o contacto cos participantes e leva as propostas ás asociacións para facilitar novas incorporacións. Na presentación explicaranse as formas de participación e os servizos dispoñibles. O programa conta co apoio da Consellería de Dereitos Sociais e Benestar do Principado de Asturias.
O paseo comezará ás 20:00 h na rúa San Francisco, ao pé da igrexa, para continuar pola Praza de Abaixo e a rúa Antonio Otero, até chegar á Praza do Patín, xunto á Biblioteca Municipal El Viejo Pancho. Alí, ás 20:30 h, dará comezo a presentación da obra. A organización lembra con afecto as anteriores visitas de Souto a Ribadeo e confía en que, unha vez máis, se vivirá unha tarde especial guiada polo enxeño creativo do coruñés de Monte Alto, galego universal que levou as nosas letras polo Mar de Irlanda e polas corredoiras máis recónditas do país. A actividade está organizada pola A.C. Francisco Lanza.
O espectáculo participativo A verbena de antes -con O Xeito e Airiños da Freba-, ao mediodía, e unha mostra etnográfica e as actuacións de Amado Lar e A Volta do Agro, pola tarde, protagonizaron o último día das Xornadas, pensadas como un punto de encontro da cultural tradicional galega,e especialmente da comarca da Mariña.
A actividade permitiu aos nenos e nenas gozar dun espectáculo de maxia pensado para transmitir, dun xeito ameno e divertido, valores relacionados coa igualdade, o respecto, a convivencia e a eliminación de estereotipos. Con iniciativas como “Abrazando a igualdade”, o Concello de Xove continúa apostando por achegar aos máis pequenos actividades educativas diferentes, propostas culturais e de lecer nas que a cultura, a diversión e a transmisión de valores van da man.
Félix Jorquera conversou co alcalde, Fran Cajoto; coa concelleira de Cultura e Facenda, Inés López; con Pura García, que é directiva de Acia Foz-CCA; con Carmen Alonso, presidenta do Celtas de Foz; e coa dona da cafetería Marexada, Palmira Andrade. Con eles fixo balance do verán, que todos valoraron de xeito positivo, e analizou os proxectos para os vindeiros meses.



