A reiteración de episodios de violencia policial contra mobilizacións pacíficas, cun compoñente de desorde nulo ou residual, obriga a por o foco sobre o deseño institucional e o réxime de responsabilidades que rexe as forzas de seguridade. Non estamos ante meros “excesos individuais“, senón diante dunha disfunción estrutural de raíz política e xurídica que racha o propio cerne do Estado social e democrático de dereito.
O dereito de reunión e manifestación, consagrado no artigo 21 da Constitución, constitúe un piar básico do sistema democrático, estreitamente vencellado á liberdade de expresión do seu artigo 20. O texto constitucional non configura este dereito como unha concesión da autoridade, senón como unha facultade que só pode ser limitada ou prohibida cando existan razóns fundadas de alteración da orde pública, con perigo para persoas ou bens. Porén, a súa práctica actual atópase permanentemente coutada por unha praxe administrativa expansiva amparada na Lei Orgánica 4/2015, de protección da seguridade cidadá, aprobada pola maioria absoluta do PP de Rajoy e que aínda segue vixente integramente) que prima un concepto estático e punitivo da orde pública sobre as liberdades civís fundamentais.
A responsabilidade estratéxica e última destas actuacións reside no estamento político. Consonte co artigo 104 da Constituciòn, as Forzas de Seguridade teñen como misión primaria protexer o libre exercicio dos dereitos e liberdades e garantir a seguridade cidadá, operando baixo a dependencia do Goberno do Estado. O Ministro do Interior, o Secretario de Estado de Seguridade e os Delegados do Goberno nas Comunidades Autónomas teñen a potestade gobernamental de dirixir os corpos policiais, agás en Catalunya, Euskadi e Nafarroa onde esta competencia pertence aos Poderes autonómicos (como habería pertencer na Galicia se PPdeG e PsdeG estiveran onde tiñan e teñen que estar). Son estas autoridades quen fixan as directrices estratéxicas e os niveis de tolerancia fronte á protesta. Coa submisión da forza pública ao poder civil como dogma, resulta inaceptábel que os mandos políticos adopten unha estratexia de fuxida cando a porra substitúe á palabra. As declaracións dos delegados gobernamentais que, logo dunha carga inxustificada, limítanse burocraticamente a “pedir informes” ou agacharse na avaliación técnica do operativo constitúen unha abdicación directa das súas obrigas legais de tutela xudicial efectiva e control de legalidade.
Por outra banda, a responsabilidade táctica e imediata alicérzase nos mandos policiais operativos (xefes de unidades das Unidades de Intervención Policial-UIP_ e outros mandos intermedios). A lei dota estes funcionarios de certa marxe de discrecionalidade no terreo, mais esta facultade está estritamente supeditada aos principios xurídicos de oportunidade, congruencia e proporcionalidade, recollidos no artigo 5 da Lei Orgánica 2/1986 de Forzas e Corpos de Seguridade. A disolución dunha manifestación co uso de material antidisturbios ha ser a última ratio diante dun perigo inminente e grave, respectando a xurisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH), que esixe tolerancia a respecto de certas perturbacións na vía pública para non baleirar de contido o dereito de reunión e manifestación.
Velaí os responsábeis, pois. Non o son o conxunto dos funcionarios policiais (agás concretas actuaciòns individuais), senòn o Ministro do Interior, o Secretario de Estado e o Delegado do Goberno de quenda, canda eses Xefes da UIP e mandos policiais sobre o térreo. As cargas non as deciden os axentes, senón os seus mandos.
Os feitos recentes debuxan un mapa alarmante onde estas cautelas xurídicas foron amplamente sobordadas. O pasado xullo, en Palma, unha multitudinaria manifestación cidadá contra a masificación turística rematou con cargas desproporcionadas e o disparo de pelotas de goma nun espazo urbano confinado O Delegado do Goberno tentou safar culpando en exclusiva ao dispositivo policial, esquecendo que a pasividade política na fixación dos criterios de proporcionalidade nas respostas policiais xera grave e evidente responsabilidade “in vigilando”.
Igual de paradigmático e doloroso resulta o caso de València, no marco das protestas pola folga educativa. O brutal empurrón polas costas por parte dun axente da UIP a unha mestra xubilada de 68 anos, que lle causou graves lesións na mandíbula, evidencia a crecente desconexión entre o protocolo policial formal e a realidade da violencia física aplicada sobre corpos vulnerábeis (como xa pasou o 1-Ou 2017 coas actuacións dos Corpos estatais en Catalunya no referendum sobre a independencia). Que o axente imputado tente xustificar xudicialmente a súa acción como un simple “desprazamento de protocolo” amosa unha preocupante perversión conceptual, cando estamos diante dunha vulneración directa do dereito á integridade física e moral protexido polo artigo 15 da Constituciòn por parte de quen ten o deber constitucional de protexer á cidadanía.
Tampouco librou o noso país desta inercia represiva. En Compostela, a lexítima contestación social e antifascista diante dun acto político da formación Vox o luns 21-S, nas inmediacións do centro sociocultural de Santa Marta, deu en cargas e empurróns contra a veciñanza pacíficamente concentrada. A incapacidade da Delegación do Goberno en Galicia para prever un escenario de alta tensión e canalizalo pola mediación previa -priorizando a protección de dereitos constitucionais- traduciuse, unha vez máis, no expediente doado da carga policial como única ferramenta de xestión do espazo público, ignorando os mandatos de contención que deben rexer nun Estado democrático. Carga policial que causou lesións cando menos a unha persoa.
Engadámoslle tamén o recente episodio de violencia vivido por un menor seareiro do Barça que portaba unha estrelada en Elx na contorna do estadio onde ía xogar a súa equipa ou a desproporción da actuación policial no despexo da anciã (87) Maricarmen Abascal estes últimos días en Madrid.
Estes episodios debuxan unha perigosa asimetría. O Estado amósase estritamente contundente coa cidadanía que protesta, mentres os seus mandos políticos dilúen a súa responsabilidade en promesas de investigacións internas que adoitan acabar nunha vía morta. O control democrático das policías non pode ser unha entelequia. Cando o uso da forza deixa de ser proporcional e necesario (e de certo que existen supostos onde este uso é preciso; velaí as persoas que tentaron atacar fisicamente a unha deputada en Ceuta ou queimar as cabanas que servían de refuxio ás persoas migrantes nunha praia desa cidade) vulnérase o principio de legalidade do artigo 9.3 da Constituciòn. Velaí que cumpra unha fonda reforma legal para regular polo miúdo o uso proporcional da forza policial, canda unha asunción esixente de responsabilidades políticas e operativas se non queremos que o autoritarismo iliberal enchoupe o noso espazo público.





















Tamén puxo en valor o labor de Fonmiñá e a importancia dunha cita cultural que cumpre 48 edicións. Para Vilalba, a incorporación da actriz ao Paseo do Cine é un recoñecemento que a vila sente como propio.
A actividade permitiu aos nenos e nenas gozar dun espectáculo de maxia pensado para transmitir, dun xeito ameno e divertido, valores relacionados coa igualdade, o respecto, a convivencia e a eliminación de estereotipos. Con iniciativas como “Abrazando a igualdade”, o Concello de Xove continúa apostando por achegar aos máis pequenos actividades educativas diferentes, propostas culturais e de lecer nas que a cultura, a diversión e a transmisión de valores van da man.
Félix Jorquera conversou co alcalde, Fran Cajoto; coa concelleira de Cultura e Facenda, Inés López; con Pura García, que é directiva de Acia Foz-CCA; con Carmen Alonso, presidenta do Celtas de Foz; e coa dona da cafetería Marexada, Palmira Andrade. Con eles fixo balance do verán, que todos valoraron de xeito positivo, e analizou os proxectos para os vindeiros meses.
Trátase dunha viaxe para dúas persoas con estancia de catro noites nun hotel de catro estrelas en réxime de todo incluído, voos e equipaxe. O sorteo tivo lugar o pasado mes de xuño.
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web
A medida tamén fai que as familias perdan a gratuidad do comedor escolar, asumindo un gasto novo. O Concello reclama recuperar a parada mentres non exista unha alternativa segura e manter tanto o transporte como o comedor gratuíto, pedindo unha solución urxente que non prexudique ás familias de Mántaras.



