Nota de prensa
O BURELA FS DESAFÍA O CLÁSICO PLAYAS DE CASTELLÓN
O Burela FS Pescados Rubén volverá pelexar por unha nova vitoria, despois de deixar no pasado unha etapa difícil, desafiando o clásico Playas de Castellón. O Poliesportiu Ciutat de Castelló acollerá a 22ª xornada da Segunda División o domingo, ás 12.00 horas.
Esta cita preséntase con ansias de play off para os dous equipos. Con 26 puntos e en postos da fase de ascenso, a escuadra laranxa chega con confianza, tras o triunfo da semana pasada ante o Hospitalet (6-4), para continuar a escalada de postos. Pola súa banda, os levantinos (23 puntos) tamén buscarán facerse co electrónico para afastarse do asedio do descenso e desquitarse da incisiva derrota da semana pasada en Martorell (9-1).
O Burela FS medirase a un equipo moi irregular en canto a resultados, pero que tamén ten moi clara a solidez da súa pista. Do Ciutat de Castelló tan só escaparon os tres puntos ante Oxipharma e Martorell, na segunda e sexta xornada respectivamente, e quedou o empate co Barcelona, no inicio da segunda volta.
Tras o fatídico accidente de Bebeto na xornada pasada, con fractura costal e perforación pulmonar, o paso das horas mitigou a preocupación da familia laranxa; o ala-pivote, ingresado no Hospital da Costa, amosa unha continua e paulatina mellora na súa saúde, día a día. Outra das ausencias nas filas laranxas para o domingo será o porteiro Brais, que afronta a última fase da recuperación de rotura de abdutor e, se todo vai ben, poderá reincorporarse ao grupo nun par de semanas; xunto a Iago Barro, esta semana viaxará o xuvenil Erik Campo para defender a meta mariñá.
Dato do enfrontamento. O castellonense é o equipo máis goleado da categoría, con 101 tantos encaixados. A este dato xa contribuíu o Burela FS na primeira volta como responsable do resultado máis contundente ao que tivo que facer fronte o Playas polo momento, 10-1.
Outras citas da xornada. Os laranxas teñen a tan só 3 puntos o Fuconsa Jaén (9º), que se baterá en duelo directo co UA Ceutí (8º, 31). Perseguindo a escuadra burelista, os máis próximos son UMA Antequera e Hospitalet, que, con 24 puntos, reciben a Andorra (7º, 31) e Maristas Valencia (13º, 23) respectivamente.
Próximo rival. A Segunda División descansará a vindeira semana, coincidindo coa celebración da Copa de España en Logroño (8-11 marzo). Tras esta pequena parada, o poder do líder, Oxipharma Granada, recalará na bomboneira o 17 de marzo (18.30 horas).