A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público na Mariña organiza un peche no IES Monte Castelo de Burela
Esixen que a Consellaría non aplique o RD Lei 14/2012 e o recorra por invadir as competencias educativas de Galiza
Ribadeo, 23 de maio de 2012.- A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público está levando a cabo múltiples mobilizacións en contra dos recortes no ensino público. Dentro destas accións está realizando peches rotativos que se iniciaron o pasado 14 de maio en Santiago e que se estenden por todas as comarcas do país. Na comarca da Mariña o peche será este venres, 25 de maio, no IES Monte Castelo de Burela a partir das 16:00 horas. Moitas persoas xa comunicaron a súa presenza alí.
O obxectivo das mobilizacións e conseguir que a Consellaría de Educación non aplique o RD Lei 14/2012 e que o recorra por invadir as competencias educativas da Xunta de Galiza. Entre as medidas que contempla o real decreto están a de aumentar o número de alumnos por aula, ampliar o horario do profesorado, non cubrir as baixas durante os primeiros catorce días, aprazamento da implantación dos novos ciclos formativos ou a posibilidade de ofertar só unha modalidade de bacharelato.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público rexeita todos estes recortes propostos porque con eles atacase gravemente o ensino público, a súa calidade e o dereito de igualdade de oportunidades do alumnado, porque aumentará o fracaso escolar e eliminará máis de 2.000 postos de traballo en profesorado. Por todo isto, esixe que o Goberno galego actúe como tal e non se someta a decisións que van en contra do ensino galego, que se negue, rotunda e publicamente, a aplicar calquera das medidas contidas no RD Lei 14/2012 e que presente recurso por invasión de competencias.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, da que a CIG-Ensino forma parte, convida a toda a comunidade educativa (profesorado, pais e nais, alumnado…) a participar do peche. Durante o peche farase unha análise da situación actual do ensino en Galiza e das consecuencias que terán estes recortes que só perseguen deteriorar un servizo público fundamental. Tamén se realizarán actividades como debates ou talleres para resaltar e manifestar a defensa inequívoca dun ensino público, gratuíto, universal e galego. Ao mesmo tempo, a Plataforma quere facer un chamamento a participar tamén na manifestación en defensa dos servizos públicos, como o ensino ou a sanidade, convocada para o 3 de xuño en Compostela.