AS PRAIAS DE A MAROSA E O PORTELO LUCEN DESDE HOXE AS BANDEIRAS AZUIS QUE LLES CONCEDEU ADEAC. OS AREAIS ESTÁN LISTOS PARA O SEU USO E DISFRUTE.
Burela, 11 de xullo de 2012. Este mediodía foron izadas as bandeiras azuis nas praias de A Marosa e O Portelo. No acto participaron o alcalde, José Mª González Barcia, e os concelleiros de Turismo, Servizos Sociais, Comercio e Urbanismo, Mónica Pedre, Diana Durán, José Casas, e Manuel Fernández.
O rexedor lembrou que A Marosa conta con este distintivo desde o ano 1993 e O Portelo desde 1999 e dixo que para o equipo de goberno “é unha satisfacción que as dúas praias conten coa bandeira azul. O Concello se ten preocupado moito pola conservación das súas praias e pola mellora das súas instalacións, o que contribúe a poder optar a estes premios. Os usuarios das praias están a actuar con suma responsabilidade porque son eles e o seu comportamento os que as manteñen en condicións aceptables para disfrutar das mesmas durante o verán”.
González Barcia sinalou que “si non se izaron antes as bandeiras azuis foi porque non contabamos con socorristas neses areais. Os socorristas comezaron a traballar na xornada de onte, día que empregaron en colocar as cousas e en habilitar os espazos que eles teñen tanto nunha praia como noutra, entón optamos por izar hoxe as bandeiras, porque xa non procedía seguir demorando máis este acto”.
O alcalde espera e confía en que “os cidadáns disfruten das praias durante o verán. Agardemos que o tempo nos acompañe e a ver si as praias seguen mantendo esas boas condicións para que estean como nos merecemos. Concello e cidadáns podemos conseguilo”.