“INAUGURACIÓN CURSO DE MOSAICOS NA ASOCIACIÓN DE AXUDA Ó ENFERMO MENTAL A MARIÑA”
O próximo luns día 22 de Outubro ás 12.30 da mañá realizaráse a presentación oficial do “Curso de Mosaicos” na Asociación de Axuda ao Enfermo Mental “A Marina”. Esta iniciativa está subvencionada pola “Fundación Mapfre”, a través do seu Instituto de Acción Social e polo tanto, a dito acto acudirán o Director Territorial Don Juan Pedro Burdiel Balue, o Director da Mariña Occidental Don Rafael López López e o Delegado de Mapfre na Mariña Don. Javier Fernández Ruiz.
Todos eles se reunirán coa Directora Técnica Xeral da Asociación de Axuda ó Enfermo Mental “A Mariña”, Dona. Mª José Nóvoa para visitar as instalacións do Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de Burela, e poder contemplar “in situ” o traballo artesanal de dito obradoiro realizado por tódolos participantes, todos eles diagnosticados de enfermidade mental crónica.
Esta actividade redundará na mellora terapéutica de tódolos participantes, no aumento da súa autoestima e na mellora da súa calidade de vida, xa que adquiren novos coñecementos, melloran e aumentan a súa formación curricular e a súa inserción sociolaboral.
Grazas a este curso, foméntase o traballo en equipo, mellorando as habilidades sociais e as técnicas pre-laborais de todos eles. Esta actividade axuda en gran medida á súa rehabilitación cognitiva traballando a atención, a memoria e a concentración.