A promoción en Houston continúa activa con reunións sectoriais e eventos nos que se divulgan os atractivos e as empresas de Cervo
-O movemento de peregrinos da cidade ou o sector inmobiliario manifestaron interese polo municipio cervense
Cervo, 25 de outubro de 2012-Un mes despois da celebración da I Semana de Galicia en Houston, na que participou o Concello de Cervo, varios representantes da empresa promotora do evento, Go Galicia WorldWide Business, estiveron no municipio para facer balance das actuacións levadas a cabo, dos primeiros resultados obtidos e das accións previstas para os vindeiros meses.
Esta mañá a edil de Turismo, Begoña Alonso reuniuse con Isabel Bugallo, responsable da empresa, e con Pilar Torres, socia da empresa, e persoa de conexión entre Houston, onde reside, e Galicia, e que desenvolve boa parte das actuacións. Neste encontro, o primeiro mantido entre o Concello e a empresa despois da celebración da Semana de Galicia, os representantes da promotora transmitiron a Alonso un balance moi positivo. “Según nos han manifestado, nuestras playas, nuestro folclore y la cerámica de Sargadelos han sido los elementos que más han llamado la atención a los texanos” explica a concelleira.
Ademais, cabe destacar que o movemento de peregrinos da cidade foi receptivo coa oferta turística de Cervo e amosouse interesado en visitar o municipio. Outro dos exemplos do primeiro impacto do evento é o interese que espertou a oferta inmobiliaria da zona. Representantes do Real Estate, os encargados do negocio inmobiliario nos Estados Unidos, quixeron coñecer as posibilidades do sector en Cervo e na Mariña.
De todos os xeitos, como xa ten transmitido o Concello noutras ocasións, trátase das primeiras impresións e, polo tanto, deben ser prudentes agardando a percibir un retorno a medio-longo prazo. “Es conveniente esperar a obtener resultados tangibles para poder hacer una valoración rigurosa” explica a delegada de Turismo.
Rematada a Semana de Galicia en Houston, o traballo na cidade texana continúa ata o mes de setembro do 2013 segundo o acordo adoptado coa empresa. Polo momento están concertadas numerosas reunións sectoriais, nas que representantes de Go Galicia manterán encontros con empresarios de distintos sectores, con superficies comerciais, coas universidades e con personalidades da vida social e empresarial da cidade. Unhas xuntanzas nas que Cervo estará presente a través do material promocional achegado no seu momento, así como as explicacións dos representantes da empresa. Deste xeito, o concello terá unha presenza constante e continuada na cidade da tecnoloxía.
Ao mesmo tempo, buscarase a colaboración do Concello de Houston, tentando que se involucre ao máximo coas actividades promocionais previstas. De feito, a cidade e o equipo de goberno deran unha boa acollida á Semana de Galicia, concedendo a proclamación oficial do evento.