O PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO DA MARIÑA, EN RISCO POLA INDUSTRIA DO EUCALIPTO E A DESCOORDINACIÓN DA XUNTA
ADEGA e Mariñapatrimonio presentan seis novas denuncias por danos en xacementos protexidos da Mariña.
Lugo, a 23 de xaneiro de 2013.- Dende o ano 2008 Mariñapatrimonio e ADEGA veñen denunciando todas as agresións e destrucións ao patrimonio cultural das que van tendo noticia. Até o día de hoxe levan presentado máis dunha ducia de denuncias, nove delas debidas a danos ocasionados polas cortas e posteriores repoboacións do monte de eucalipto en xacementos arqueolóxicos; catro destes xacementos inventariados e, polo tanto, protexidos pola lei.
Na Mariña, como no resto do territorio galego, a meirande parte do patrimonio arqueolóxico que se destrúe débese á industria do eucalipto. Un exemplo ben ilustrativo da magnitude que acada esta destrución témolo no concello de Xove. O concello de Xove é o único da Mariña cun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aprobado definitivamente, no que se poden consultar as fichas co patrimonio arqueolóxico do concello. Evidentemente non recolle todos os xacementos arqueolóxicos existentes, os cales se irán incorporando a medida que se descubran.
No catálogo do PXOM de Xove atópanse 32 xacementos catalogados, dos cales 21 están plantados de eucalipto. Destes 21 xacementos, 4 xa non existen “posiblemente como consecuencia dos labores forestais”, tal e como recoñecen os técnicos que elaboraron o PXOM. O dramático desta situación é que no prazo duns vinte anos, que é o prazo da corta dos eucaliptos, terán desaparecido os 17 restantes.
A Lei de Patrimonio recolle que estes xacementos están protexidos e, por tanto, penada a súa destrución. A Xunta de Galicia é a encargada de protexer os xacementos e de sancionar as persoas que os destrúen. A maioría dos propietarios das parcelas onde se atopan xacementos arqueolóxicos descoñecen a súa existencia; no entanto, a Xunta, que coñece cando menos os xacementos incluídos no seu inventario, non informa aos propietarios para evitar que realicen actividades prohibidas en xacementos protexidos. A Xunta tampouco permite a consulta do inventario, malia a que o inventario é público, segundo recolle a lei.
A mesma Xunta que prohibe o movemento de terras e calquera acción que poida danar un xacemento arqueolóxico protexido e inventariado é a que autoriza as cortas do monte de eucalipto e obriga aos propietarios á posterior repoboación nestes xacementos, labores que na actualidade se realizan con maquinaria pesada ocasionando graves danos no patrimonio.
A Xunta , que autoriza e prohibe asemade as cortas nos xacementos arqueolóxicos, debería autodenunciarse e automultarse de maneira exemplarizante por ser a responsable de centos de destrucións do patrimonio. Poida que deste xeito a Consellaría de Cultura informase á de Medio Rural onde hai xacementos e Medio Rural, pola súa banda, informase a Cultura onde se van facer talas, o que evitaría as constantes desfeitas do patrimonio de todos e todas.
Mentres esta necesaria coordinación non exista, iremos vendo como os xacementos de Xove, igual que os do resto de Galicia, se van destruíndo. Entre tanto, ADEGA e Mariñapatrimonio continúan co seu labor de denunciar as agresións contra o patrimonio e veñen de presentar seis novas denuncias por posibles danos ao patrimonio cultural da Mariña das que se achega a seguinte información:
Coto dos Castros
No xacemento arqueolóxico Coto dos Castros,Polígono 503- Parcela 287/290, concello de Mondoñedo e Polígono 3- Parcela 191/192 ,concello de Lourenzá (Lugo) foi efectuada unha tala do monte de eucaliptos.
Como consecuencia desta tala, comprobamos que na zona noroeste deste xacemento, nas parcelas 287/290 do polígono 503, foron destruídos totalmente 120m do sistema defensivo (parapeto e foxo). Os materiais do parapeto foron utilizados como recheo do foxo para achaiar e aumentar a superficie de plantación de eucaliptos.
Na zona suroeste, parcela 191/192 do polígono 3, como consecuencia doutra tala e repoboación, comprobamos que houbo remocións de terra con maquinaria pesada nun sector do parapeto.
Coto da Croa
No xacemento arqueolóxico O Coto da Croa, parroquia de Santa Cilla, concello de Foz (Lugo),foi efectuada unha tala e repoboación do monte de eucaliptos.
Como consecuencia desta tala e repoboación, comprobamos que na parte intacta da croa, (outra parte fora destruída por unha canteira) abriuse con maquinaria pesada un acceso polo parapeto para entrar no interior da croa, que foi totalmente arada con profundos e anchos sucos, quedando á vista numerosos fragmentos de cerámica castrexa.
Castro Loureiro
No xacemento arqueolóxico Castro Loureiro, parroquia de Chavín, concello de Viveiro (Lugo) GA27066012 foi efectuada unha tala do monte de eucaliptos.
Como consecuencia desta tala, comprobamos a posible afectación deste xacemento protexido pola lei.
A Croa
No xacemento arqueolóxico A Croa, parroquia de Landrove de Viveiro , concello de Viveiro (Lugo) GA27066011, foi efectuada unha tala e repoboación do monte de eucaliptos.
Como consecuencia desta tala, comprobamos a posible afectación deste xacemento protexido pola lei.
Os Castro de San Caetano
No xacemento arqueolóxico Os Castro de San Caetano, parroquia de Celeiro de Mariñaos concello de Barreiros (Lugo), foi efectuada unha tala e repoboación do monte de eucaliptos.
Como consecuencia desta tala e repoboación, comprobamos que houbo remocións de terra con maquinaria pesada que abriu numerosos furados de 2m x 1,5m nun sector do parapeto deste castro protexido pola lei.
Os Castros
No xacemento arqueolóxico Os Castros, parroquia de San Pedro de Viveiro , concello de Viveiro (Lugo) GA27066009, foi efectuada unha tala e repoboación do monte de eucaliptos.
Como consecuencia desta tala e repoboación, comprobamos que houbo remocións de terra con maquinaria pesada que abriu numerosos furados por toda a superficie deste xacemento protexido pola lei.






















Baixo o título Memoria de mariñáns. Unha crónica da emigración da Mariña, o xornalista e investigador Martín Fernández Vizoso ofrecerá unha intervención centrada nas historias e vivencias dos emigrantes da comarca, ilustrando o fenómeno migratorio que marcou a vida de moitas familias ao longo do século XX. O evento inclúe tamén unha imaxe histórica de mariñáns retornados de América nos anos 30, que serve de fío visual para contextualizar esta realidade.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.



