O Comité Local do PP burelés afirma que “o pasado de Remedios López Villar incapacítaa para facer ningún tipo de crítica”.
“O PSOE burelés é un cesto de grilos”, aseguran os populares. Lois Losada pídelle cautela á concelleira socialista.
Burela, a 31 de xaneiro de 2013.- O Comité Local do PP de Burela fixo pública hoxe unha nota de prensa, a través do seu secretario xeral, José Luis Lois Losada, para manifestar que “o pasado de Remedios López Villar déixaa fóra de combate para facer ningún tipo de crítica”. Ademais, considera que “a nota da Sra. López Villar corrobora que o PSOE burelés é un cesto de grilos, no que se sabe quen quere mandar, pero non se sabe quen manda”.
Segundo os populares, “as actuacións da Sra. López Villar durante o bipartito fan que as súas críticas teñan que ser postas en cuarentena, e de feito non deberían ser tidas en consideración. Con todo, non nos podemos resistir a facernos algunhas preguntas:
1 .- Pode dar algunha lección de ética e de aforro quen tendo dedicación parcial no concello por ¡tres horas diarias! lle custaba ó concello nada máis e nada menos que 24.000’00€ anuais?
2 .- Pode dar algunha lección de ética e de aforro quen, sendo concelleira do bipartito, foi contratada para o Plano Territorial de Fomento do Emprego que presidía o que era tamén alcalde de Burela?
3 .- Pode dar algunha lección de ética e de aforro quen, sendo concelleira de Persoal, fomentou e consentiu a contratación polo concello, presuntamente fraudulenta, dunha persoa membro da executiva local do PSOE?
4 .- Pode dar algunha lección de ética e de aforro quen, sendo concelleira do Mar, publicaba libros en edición case de luxo, para os que había que ir a Vigo a sacar as fotos? Iso si, en todos aparecía tamén a súa foto, e os libros eran pagados con fondos públicos.
5 .- Pode dar algunha lección de ética e de aforro que, sendo concelleira da egolatría, do egocentrismo e da megalomanía, nos ‘deleitou’ con espectaculares calendarios de fotos nos que ela saía de forma reiterada non sabemos con que intencións, pero que acabamos pagándoos entre todos?
A resposta ás preguntas anteriores é clara: non. Por iso, e porque poderíamos seguir citando cuestións semellantes ás anteriores, pedímoslle á Sra. López Villar que mida o que di. Ou alomenos que actúe e fale con suficiente cautela.
Finalmente, é sintomático que a Sra. López Villar publique unha nota de prensa como concelleira socialista, ¡facendo balance!. Isto demostra que no PSOE sábese quen quere mandar, pero non se sabe quen manda. Quere mandar o actual portavoz e flamante deputado provincial que nos custa a todos os lucenses 55.000’00€ anuais; quere mandar un ambicioso sindicalista que pretende trepar na política pero que augura nepotismo, e agora resulta que parece que tamén quere mandar o egocentrismo da Sra. López Villar. Pero o que non sabemos é quen manda. E os cidadáns de Burela teñen o dereito a saber quen o/a interlocutor/a válido/a dentro do PSOE. Cando poñan fin ó espectáculo que están dando, e que levan tempo dando, que avisen, porque as respostas poden ser incluso interesantes”.