MALIA TER A FLOTA MÁIS IMPORTANTE DA UE GALIZA SÓ RECIBE ESMOLAS COA NOVA POLÍTICA PESQUEIRA COMÚN
Os nacionalistas denuncian que “o mar está cheo de xarda e a flota é obrigada a tirala ao mar pola aplicación dos criterios da UE”
A Mariña, 24 de maio de 2013. O BNG de A Mariña estivo na mañá de hoxe no mercado de Burela continuando coa campaña “Non é unha crise, é un roubo!”. Nesta ocasión, representantes comarcais e locais do BNG, encabezados polo viceresponsábel comarcal, Xoán Estúa, e o responsábel nacionalista en Burela, Roberto Bouça, participaron nun reparto informativo no que achegaron ás veciñas e veciños da localidade mariñá a postura do BNG a respecto da actual situación económica e das consecuencias das políticas que están a pór en marcha os distintos gobernos.
A situación pola que atravesa o sector pesqueiro foi unha das cuestións que os nacionalistas trataron neste acto. Segundo manifestou Xoán Estúa “tamén o sector pesqueiro galego está a sufrir as consecuencias dunha política feita a medida dos intereses económicos das grandes empresas, aplicando a normativa europea sen dubidalo a pesar dos prexuízos que está a provocar na flota galega.” Neste sentido, os nacionalistas criticaron que o Partido Popular “aplique con total impunidade os criterios da UE que marxinan gravemente á flota galega, por exemplo, cun reparto de cotas ridícula a respecto da envergadura da nosa flota.” O nacionalista engadiu que “a PPC 2014-2020 non ten en conta as dimensións e capacidade da flota galega, a mais importante da UE, polo que as posibilidades da nosa flota pesqueira veranse gravemente afectadas”.
Neste sentido, o responsábel local de Burela, Roberto Bouça, criticou que “o mar estea cheo de xarda e a flota artesanal sexa obrigada a matar esta especie para despois tirala ao mar por imposición da UE. Por esta razón, piden que “os gobernos galego e español aposten claramente por defender o sector pesqueiro e deixen de actuar como simples delegados da UE.” O portavoz nacionalista burelao concretou que nos tres primeiros anos de aplicación da PPC “os descartes terán que ser cero ou se descontarán da cota de pesca sen que exista ningunha medida compensatoria”.
Acto central da campaña en Viveiro
Os nacionalistas aproveitaron tamén a súa visita ao mercado burelao para animar ás veciñas e veciños desta localidade a asistir ao acto central que terá lugar mañá, sábado 25, ás 20:30 horas na Praza da Fontenova de Viveiro. Este acto, que se centrará no roubo que están a sufrir as persoas estafadas polas preferentes, contará coa presenza do Portavoz Nacional do BNG, Xavier Vence, e do portavoz dos afectados polas preferentes, Xulio Vicente.
O BNG anima á cidadanía a mobilizarse e a dar resposta aos continuos roubos que está a sufrir para parar o roubo que se está a perpetrar ás clases populares mentres se sigue engordando a banca e o grande capital.