Burela, 23 de maio de 2013. O salón de plenos do Concello acolleu un encontro informativo entre as persoas que están inscritas na bolsa de emprego e representantes de tres empresas temporais. Segundo o alcalde, José Mª González Barcia, o obxectivo “é informar a esas persoas das alternativas que hai actualmente de cara a atopar emprego”.
O rexedor manifestou que “desde o Concello de Burela entendemos que estas labores de formación e información son positivas, tendo en conta a complicada situación actual e nese sentido o que se lles dixo aos asistentes é que imos continuar nesta liña. O Concello de Burela continuará informando ás persoas que están inscritas na bolsa de emprego sobre as alternativas das que dispoñen e das que xurdan no futuro e seguiremos apostando pola formación”.
O concelleiro de Emprego, José Casas, e o alcalde, José Mª González Barcia, lembraron que “estamos formando a 75 persoas en catro cursos que tiveron lugar durante o outono e tamén neste obradoiro de emprego que estamos a ter agora mesmo e que rematará a finais de xuño. En total a Xunta para todo isto aportou 300.000 euros, que é unha cifra importante. E aínda sendo conscientes de que a formación e a información custan cartos desde o Concello seguiremos apostando por estas liñas porque a nosa obriga é atender aos cidadáns e tentar cubrirlles as súas expectativas”. O equipo de goberno sabe que “a situación non é nada fácil, pero nesta liña de traballo estamos dispostos a seguir, como o demostra o cambio que se vai producir proximamente das instalacións do centro ocupacional, que si o informe da Xunta vai ser favorable e todo indica a que así será, cambiará de cara a mellorar tamén a capacidade informativa e formativa dos desempregados”.
Para González Barcia “o servizo de emprego do Concello de Burela está a funcionar de forma axeitada e quero desde aquí felicitar ás persoas que forman parte del e ao concelleiro delegado, José Casas, porque está a facer una boa labor”.
Na actualidade na bolsa de emprego do Concello de Burela hai inscritas máis de 420 persoas. O edil de Emprego, José Casas, tildou de éxito a xornada de hoxe, que encheu o salón de plenos da Casa do Concello.