O prazo de inscrición está aberto e poden participar os nenos de 8 a 12 anos
Cervo, 13 de xuño de 2013-O Concello de Cervo e o Club Deportivo San Ciprián presentaron esta mañá os cursos gratuítos de iniciación ao piragüismo que arrincarán este luns e que se desenvolverán no encoro de Río Covo en períodos de 10 días durante toda a temporada estival. Un acto no que estiveron o alcalde, Alfonso Villares, o presidente do Club, José Antonio García Casas e o monitor de piragüismo, Javier García Garza, que quixeron anunciar que xa está aberto o prazo de preinscrición para esta actividade, que vai dirixida a nenos e nenas de entre 8 e 12 anos.
O único requisito para poder participar é saber nadar, xa que polo demais todo o material necesario como a piragua de iniciación, a pala e o chaleco achégao o club. Para informarse e apuntarse poden chamar ao 619 576 386.
Unha actividade coa que o Concello e o Club pretenden fomentar o deporte dende as categorías base e promocionar a práctica do piragüismo como unha disciplina “moi completa”. Ademais o rexedor destacou a importancia de dispoñer dunhas instalacións como as do encoro de Río Covo “que están perfectamente acondicionadas, tanto para a aprendizaxe como para o perfeccionamento e adestramento, e que temos que aproveitar e darlles o máximo uso posible”.