Os Obradoiros Infantís de Artesanía, a iniciativa posta en marcha pola Deputación de Lugo para dar a coñecer o patrimonio cultural lucense entre os máis novos e axudar a conciliar a vida familiar e laboral durante as épocas de lecer escolar, celebran dende hoxe unha nova edición marcada novamente polo éxito, tal e como adoita que colleita dende os seus comezos, no Nadal de 2011.
Os primeiros 45 rapaces de 5 a 15 anos, dun total de 90, participan ata o vindeiro día 12 en tres obradoiros con temáticas adaptadas ás súas idades. Así, os rapaces de 5 a 8 anos participarán nas actividades “Iniciación á cerámica” e “Crear e reciclar”. No primeiro deles poderán modelar arxila con diferentes ferramentas, para elaborar obxectos que cocerán nos fornos da aula de cerámica e no segundo confeccionarán obxectos con materiais de refugallo. Os nenos de 8 a 11 anos tomarán parte en “Artesanía en coiro” e “Iniciación á cestaría”, obradoiros nos que poderán fabricar os seus propios obxectos neste material e aprender a traballar con diferentes fibras naturais. Finalmente, os de 11 a 15 anos terán a posibilidade de empregar sprays para facer as súas obras en paneis de DM no obradoiro de “Graffiti”, e no de “Fai o teu pano de feltro”, aprender a esquilar unha ovella e lavar, tinguir e cardar a lá para fabricar unha peza deste material natural.
Estas mesmas actividades, todas gratuítas, serán as que terán á súa disposición os outros 45 rapaces que participarán na quenda previstas para a segunda quincena no mes de agosto.