Este verán tiven a sorte de asistir a un concerto no Cantón dos Moreno ofrecido polo grupo de percusión “Calabash”, dirixido por Marcos Rodríguez. Preto de mil persoas chegamos a estar alí presentes escoitando ás mozas e mozos que ao longo da súa vida musical (desde ben cativos) foron traballando os diferentes instrumentos de percusión ao compás do brazo de Marcos. En colaboración coa Banda Municipal e a Coral Polifónica de Ribadeo, a mocidade Calabash fíxonos gozar de dúas horas de música que xamais esqueceremos (sobre todo quen protagonizaron esa velada musical). Quen ten coraxe, ten vantaxe: e Mari Luz Álvarez Lastra, concelleira de cultura, demostrouno apostando por unha fórmula innovadora e arriscada, pero de moi bos froitos. Nestes tempos nos que en máis dunha ocasión tivemos que berrar alto e claro “deixade á cultura en paz” para lles parar os pes a algúns probes baballóns que tiraban coios contra a cultura como se fora o novo divertimento de rancio sabor hispano, desde Ribadeo sóubose combinar xenio creativo con espírito innovador e todo acabou dando os seus froitos: culturais, pero tamén económicos. Deamos un chimpo desde A Mariña luguesa ata a terra do pan, Carballo.
Estase a celebrar a Praza dos Libros na miña vila de nacemento. Situada no medio da “praza” (e en Carballo dicir “a praza” é referirse ao mercado de abastos, pero tamén á zona limítrofe na que se desenvolve a feira cos postos de verdura, legumes, patacas, etc.), a “Praza dos libros” logrou ao longo deste último lustro poñer os libros máis preto aínda da xente, colocalos no medio da dinámica económica e social que rodea a calquera das nosas tradicionais feiras.
Mercaras ou non algo, ti ías á feira a mostrarte e ver como outras xentes se mostraban tamén. Como acto social de intercambio de mercadorías e/ou de ideas, como marco de relación social inmellorábel, as feiras sempre xogaron un papel fundamental na nosa vida colectiva. Quen queira situar a dinámica destes mercados no pasado, como se agora só houbera Gadis ou Eroskis, ou (al)Campos, caerá nun pailanismo urbanita (que tanto se pode dar na praza maior da grande urbe como en Cuspedriños de Arriba) descoñecedor das dinámicas que se xeran ao abeiro de feiras potentes como a de Carballo. Emprazar a “Praza dos libros” neste contexto físico e simbólico foi un acerto que os anos acabaron corroborando.
Desde que estamos a sufrir esta forte crise que semella querer levalo todo por diante, hai quen quere aproveitar para facer crer que a cultura é algo superfluo, como un luxo do que poidamos prescindir para centrar os nosos esforzos no “realmente importante”. Nada máis lonxe da realidade. E iso por dobre motivo: a través dos nosos creadores poñémonos en valor ante o mundo; pero tamén a súa actividade é fonte de riqueza e xeradora de emprego. O peso da cultura na economía galega chegou a supoñer o 2% do noso PIB e a aportar o 2,2% de empregos da nosa economía no 2008. Durante o período 2000-2008 o tamaño medio das empresas galegas do sector cultural era duns 8 traballadores/as. A provincia coruñesa chegou a exportar máis produtos culturais dos que importaba. A cultura chegou a ocupar na nosa economía o cuarto lugar en relación coa variación de ingresos, tan só superada pola industria auxiliar, as actividades referidas ao ámbito sanitario e a construción.
E se o sector cultural ten esa capacidade de xeración de emprego e riqueza, aínda ten maior capacidade de xeración de valor engadido. Cada vez que un libro fala dunha paisaxe, refire un acontecemento verídico ou ficticio, ou desenvolve unha tese de carácter histórico e científico, facemos cultura, creamos identidade e desenvolvemos as potencialidades da nosa economía e da nosa sociedade. Non quero afirmar con isto que a cultura deba estar ao servizo da economía, pero si que pode interactuar con ela. Lembro agora a presentación do libro Un mar de sensacións. Rutas e poemas para descubrir a Costa da Morte, de Xan Fernández Carrera e Rosalía Fernández Rial, acompañados pola guitarra de Mon Búa. Reducir o traballo de Rosalía a mera promoción turística, sería un sacrilexio; negar a posibilidade de combinar paisaxe, creatividade e dinamización turística, absurdo.
Non caiamos, no entanto, nunha perspectiva economicista reducionista. Porque tamén hai que celebrar iniciativas como a de QueQueres Edicións que, lonxe de servir de exemplo dunha interacción inmediata entre actividade cultural e dinamización económica, son o caso típico de esforzo colectivo que redundará positivamente no noso legado cultural. Cando a A.C. Lumieira decide celebrar o seu XL aniversario coa publicación de Follas de Carballo dando cabida a autores e autoras carballesas tampouco está a desenvolver unha actividade económica de efectos inmediatos (agás os da propia edición e venta), pero está a plantar semente de futuro. Se alguén le as “Follas de Carballo” mundo adiante vaise poder formar unha imaxe da nosa comarca que poderá enlazar perfectamente coa proxectada en documentais como o de Lois Patiño, Costa da morte, ou en calquera película que se poida ter gravado tomando como exteriores as nosas paisaxes ou fixándose na nosa historia.
Que ninguén pense que isto é cousa de chegar e bicar o santo. Cómpre unha acción paciente e constante que só permitirá recoller froitos (tanto económicos como culturais) co paso do tempo. Ou acaso o motor que supón hoxe a actividade deportiva en torno á A.D. Xiria (de Carballo) e as escolas deportivas municipais foron sempre igual de intensas? Cando nos anos 80 iamos as xentes de Carballo ao teatro ao antigo cine Cervantes ou o Rega, alguén podía pensar no FIOT? Foi a perseveranza do traballo ben feito, así como a demanda cada vez maior dos carballeses e carballesas de máis teatro, o que derivou nunha actividade dese tipo. Iso si, sen esquecer o necesario apoio institucional.
Imos rematar este artigo (regresando de novo á Mariña luguesa) lembrando unha actividade cultural realizada o verán pasado, concretamente na praia das Illas, en Ribadeo: o espectáculo Ardora, unha mestura de danza, piano e poesía. Grazas ao grupo “O tren de Moebius”, gozamos dunha velada marabillosa, inesquecíbel. Xentes de aquí e de acolá, a ninguén se lle ocorreu dicir “es que no entiendo” nin farrapo de gaitas ningún de ningún tipo. A poesía, a danza e a música son linguaxe universal. E o traballo ben feito causa respecto e admiración. E deixa moi boa lembranza. Como para repetir.
Farruco Graña


















A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
Ocorreu escasos minutos despois das 15 horas deste domingo, e foron recollidos pola embarcación Salvamar Shaula, de Salvamento Marítimo. Atopábanse subidos a unha balsa inchable na praia de Basteira, na Pedra (Cariño), foron arrastrados pola corrente e eran incapaces de retornar á beira. Dúas persoas metéronse na auga tratando de rescatalos, sen éxito. Ao final, a embarcación de rescate de Salvamento Marítimo recolleu aos menores e levounos ilesos ata o porto de Cariño. Ademais de a Salvamento Marítimo, desde o 112 Galicia informouse ao Servizo de Gardacostas de Galicia e aos axentes da Garda Civil.
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.
Alí salientou o papel que desenvolve este evento no impulso dos produtos agroalimentarios de proximidade, ao tempo que favorece as canles curtas de comercialización. Destacou tamén a importancia deste mercado, considerado como un dos máis antigos da provincia de Lugo, xa que ofrece unha ampla mostra dos principais oficios de artesáns da Idade Media. Ademais, permite aos asistentes gozar de actividades variadas e degustar produtos agroalimentarios diversos.
A institución provincial colabora con ambas citas, organizadas pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, cunha achega económica de 4.000€. García Porto recalcou que “estes eventos son un exemplo de como a historia da emigración pode converterse nun atractivo turístico de calidade, capaz de atraer visitantes e de reforzar o orgullo de pertenza da veciñanza”.
O evento incluirá espicha, queimada, brujo con conjuro e sesión DJ. O prezo é de 50 euros por persoa, con reserva previa no 611 185 336 e prazas limitadas. A organización lembra que “el 12 de agosto cuando caiga la noche la celebración continúa en Los Olivos… la noche culminará con una queimada elaborada por el Brujo Gonzalo, seguida de una sesión DJ para poner el broche final a una jornada inolvidable”.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).