Os internacionais laranxas Antoñito e Matamoros regresaron este martes ao traballo do CD Burela FS Pescados Rubén tras a emocionante despedida da Selección Española ao xogador de ElPozo Murcia Kike Boned no amigable ante Grecia, en Murcia. “Foi un honor asistir á homenaxe dun xogador dunha traxectoria tremenda; foi un partido moi especial” coincidían en expresar ambos os xogadores burelistas logo da impoñente vitoria da Vermella (14-2) ante os helenos.
Matamoros regresou á Mariña como un dos máximos artilleiros da goleada, con hat-trick, xunto ás catro dianas de Miguelín e Raúl Campos e as guindas de Álex, José Ruiz e Ortiz. “En Murcia viviuse unha festa do fútbol sala, aínda que tomándonos moi en serio o encontro e o rival. Foi un bo partido, no que mantivemos a concentración en todo momento; proba diso foi o resultado” analizaba o 10 laranxa, especialmente orgulloso do seu acerto finalizador: “É o segundo da miña traxectoria con España; o primeiro foi contra Guatemala. Estou moi contento, hai que aproveitar ao máximo as oportunidades porque hai moita competencia e quero complicar a decisión de Venancio” explicaba Mata.
Xa inmersos na preparación burelista para recibir o sábado ao Colegios Arenas Gran Canaria (Vista Alegre, 18.30 horas), Antoñito e Matamoros móstranse máis enchufados aínda se cabe na dinámica da liga. “O noso traballo con Burela está tendo dobre recompensa, non só os resultados nos están empezando a acompañar senón que tamén está servindo para que o seleccionador nacional se fixe en nós” aseguraba Antoñito, coa esperanza de que o seu nome volva soar na convocatoria da Vermella sen deixar pasar moito tempo.
Ficha técnica
España: Juanjo, Kike, Adri, Miguelín e Álex. Tamén xogaron José Ruiz, Borja, Matamoros, Pola, Ortiz, Raúl Campos, Antoñito e Rafa (ps).
Grecia: Achis, Kouvaras, Mourdoukoutas, Artinos e Mans. Tamén xogaron Kondylatos, Grayfillias, Katevstsian, Konstantinou, Panou, Delaportas, Raptis, Asimakopoulos e Theofilou (ps).
Árbitros: Fortes e Martínez (murcianos)
Goles: 1-0 2’ Álex. 2-0 4’ Miguelín. 3-0 5’ Matamoros. 4-0 16’ Miguelín. 5-0 19’ Raúl Campos. 6-0 20’ Matamoros. 7-0 20’ Raúl Campos. 7-1 23’ Mourdoukoutas. 8-1 27’ Matamoros. 9-1 31’ José Ruiz. 10-1 32’ Ortiz. 10-2 35’ Mourdoukoutas. 11-2 36’ Miguelín, dp. 12-2 37’ Raúl Campos. 13-2 39’ Raúl Campos. 14-2 39’ Miguelín