Prosigue o operativo de busca do mozo que desapareceu en Foz este domingo coa participación de todos os grupos de emerxencias e forzas e corpos de seguridade, baixo a coordinación do Servizo de Emerxencias da Consellería de Presidencia en Lugo.
A delegada territorial, que se desprazou á zona este domingo coa intención de revisar os danos materiais que causara o temporal durante a madrugada, permaneceu dende entón na comarca e presidiu este luns a reunión de coordinación que precedeu aos labores de busca, xunto co alcalde de Foz, Javier Castiñeira.
Nesta xuntanza estaban presentes os responsables de todos os corpos e agrupacións que participan no operativo, así como o alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, o xefe do Servizo Emerxencias da Xunta en Lugo, Daniel Díaz Fernández, e o xefe de coordinación da Área do Mar da Consellería do Medio Rural e do Mar en Lugo, Pablo Fernández Asensio, entre outros.
En torno ás 10 da mañá deste luns retomábanse as tarefas de rastrexo, nas que participa a Axencia Galega de Emerxencias da Xunta de Galicia; o helicóptero Pesca II, con base en Celeiro; a embarcación Salvamar, do Ministerio de Fomento; o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Cervo, os bombeiros do parque comarcal de Barreiros, membros da Policía Nacional, Autonómica e Local; Garda Civil, Gardacostas, as agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Foz e Barreiros e operarios do concello de Foz.
Os buzos que rastrexaban o entorno do espigón localizaron pouco despois das 11 da mañá unha bicicleta, que se supón que é a que levaba o mozo desaparecido.