A Deputación de Lugo é o primeiro organismo provincial de España e pioneira entre as administracións públicas de Galicia en impoñer cláusulas que defenden os dereitos dos traballadores, as denominadas cláusulas sociais, en tódolos contratos de servizos.
Así o anunciou este mércores o Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, quen se mostrou convencido de que “a contratación pública é unha política pública máis, unha ferramenta para acadar os obxectivos que nos temos marcados como institución progresista que prioriza os problemas das persoas e loita por un sistema económico xusto e igualitario”. “A política non debe estar nas mesas de contratación, senón no deseño e control das políticas de contratación”, recalcou.
A Deputación de Lugo aplica este modelo de contratación socialmente responsable “nun momento coma este” porque “cremos nun emprego de calidade apoiando ás empresas que o crean e porque así blindamos ós traballadores das firmas que prestan un servizo a esta institución, pois esiximos por escrito como condicionante que se garantan durante toda a relación contractual tanto o número de empregados, como as súas condicións laborais, tipo de contrato e soldo”, explicou Gómez Besteiro.
Deste xeito, engadiu, “impedimos que algunha empresa aproveite e se escuse en leis tan nefastas como a reforma laboral do Goberno central para vulnerar os dereitos dos traballadores en favor de despedimentos en precario”.
Cales son as novas cláusulas sociais?
A Deputación introduce cláusulas sociais nos pregos de contratación de servizos e esixirá o cumprimento de medidas sociais durante a execución do contrato.
Os novos requisitos nos pregos de contratación son os seguintes:
– Incorpórase como criterio de valoración o número de traballadores con contrato indefinido das empresas que presenten oferta.
– Teranse en conta as propostas que impliquen unha mellora nas condicións laborais e salariais con respecto ó Estatuto dos Traballadores e ó convenio estatal vixente ou o que resulte de aplicación.
– Terase en conta a inserción de traballadores con discapacidade.
– Tal e como obriga a lexislación estatal e autonómica, a oferta económica puntúa moi significativamente, pero a Deputación non permitirá baixadas desproporcionadas ou anormais no prezo a costa de reducir en gastos laborais. Incorporando esta obriga atende a Directiva 2014/24 da Unión Europea sobre Contratación Pública aprobada o pasado mes de xaneiro, que aínda non ten aplicación en España.
En canto ós novos requisitos na execución do contrato, son os seguintes:
– As empresas deben cumprir coas condicións laborais que ofertaron, é dicir, manter o número de traballadores, contratos indefinidos, soldos…
– E deben manter as condicións económicas e sociais previstas no convenio estatal ou sectorial.
Estas dúas condicións súmanse “ós criterios que xa viñamos aplicando no caso dos servizos de vixilancia e de seguridade: As empresas deben subrogar a tódolos empregados e respectar os dereitos laborais que tiveran recoñecidos na súa anterior empresa, incluída a antigüidade”, explicou o Presidente.
O incumprimento terá consecuencias
Vulnerar estas obrigas durante a relación contractual pode levar consigo, segundo indicou Gómez Besteiro, a resolución do contrato; penalizacións, que, en función da gravidade da infracción, poden variar entre un 3 e un 10% do orzamento do contrato; ou mesmo pode ser causa de prohibición para contratar coa administración, cando se trate do incumprimento de condicións especiais de execución de contrato.
A Deputación fará un seguimento rigoroso para velar polo cumprimento destas condicións. Para iso, esixirá ás empresas adxudicatarias que, xunto a cada factura, acrediten con documentación a relación de traballadores e o que cotizan por eles.
Xa está en marcha
A nova política provincial de contratación xa está en marcha. “Estamos tramitando xa 5 pregos que inclúen cláusulas en defensa dos dereitos dos traballadores: no servizo de vixilancia, limpeza, Centro de Atención ó Usuario (CAU), o proxecto europeo do Goberno Intelixente e a aula itinerante de formación. É dicir, a Deputación de Lugo blinda 83 postos de traballo na implantación deste modelo de contratación social”, recalcou o Presidente.
























Entre as 10:00 e as 14:00 horas haberá arredor dunha decena de postos con produtos agroecolóxicos e de proximidade, ademais dun punto informativo para persoas interesadas en emprender no sector e actividades infantís. A alcaldesa Marta Rouco destaca que a feira busca dar vida ao centro da vila e visibilizar o rural como espazo de emprendemento, mentres que a concelleira Paula Vigo salienta a colaboración con A Estruga para ampliar a oferta habitual do mercado. O Concello anima á veciñanza a achegarse e coñecer os proxectos participantes.
Nesta ocasión, o grupo desprazouse ata A Pontenova para realizar un percorrido de 17 quilómetros que combinou a Ruta dos Fornos, a Ruta do Ferrocarril e a Ruta do Muiñeiro Namorado. A actividade, de dificultade baixa, iniciou o seu percorrido na Praza dos Fornos da Pontenova e rematou en San Tirso de Abres.
A programación do último trimestre inclúe Maiores con Arte, Moito máis que café, Entre risas e animación domiciliaria. Tras os obradoiros iniciados en maio, o Concello mantén o contacto cos participantes e leva as propostas ás asociacións para facilitar novas incorporacións. Na presentación explicaranse as formas de participación e os servizos dispoñibles. O programa conta co apoio da Consellería de Dereitos Sociais e Benestar do Principado de Asturias.
O paseo comezará ás 20:00 h na rúa San Francisco, ao pé da igrexa, para continuar pola Praza de Abaixo e a rúa Antonio Otero, até chegar á Praza do Patín, xunto á Biblioteca Municipal El Viejo Pancho. Alí, ás 20:30 h, dará comezo a presentación da obra. A organización lembra con afecto as anteriores visitas de Souto a Ribadeo e confía en que, unha vez máis, se vivirá unha tarde especial guiada polo enxeño creativo do coruñés de Monte Alto, galego universal que levou as nosas letras polo Mar de Irlanda e polas corredoiras máis recónditas do país. A actividade está organizada pola A.C. Francisco Lanza.
O espectáculo participativo A verbena de antes -con O Xeito e Airiños da Freba-, ao mediodía, e unha mostra etnográfica e as actuacións de Amado Lar e A Volta do Agro, pola tarde, protagonizaron o último día das Xornadas, pensadas como un punto de encontro da cultural tradicional galega,e especialmente da comarca da Mariña.
A actividade permitiu aos nenos e nenas gozar dun espectáculo de maxia pensado para transmitir, dun xeito ameno e divertido, valores relacionados coa igualdade, o respecto, a convivencia e a eliminación de estereotipos. Con iniciativas como “Abrazando a igualdade”, o Concello de Xove continúa apostando por achegar aos máis pequenos actividades educativas diferentes, propostas culturais e de lecer nas que a cultura, a diversión e a transmisión de valores van da man.
Félix Jorquera conversou co alcalde, Fran Cajoto; coa concelleira de Cultura e Facenda, Inés López; con Pura García, que é directiva de Acia Foz-CCA; con Carmen Alonso, presidenta do Celtas de Foz; e coa dona da cafetería Marexada, Palmira Andrade. Con eles fixo balance do verán, que todos valoraron de xeito positivo, e analizou os proxectos para os vindeiros meses.



