Ribadeo, 8 de agosto de 2015.- A embarcación ribadense Ras foi a vencedora na regata de vela latina tradicional XVI trofeo Abanca disputada dentro do programa de actividades da 25ª Semana Náutica Ría de Ribadeo.
Sobre esta proba, que contou con 7 embarcacións participantes e se desenvolveu na tarde deste venres, o presidente do Real Club Náutico de Ribadeo, Ramón Acuña, explicou que foi “un día perfecto para os botes de vela latina, os da nosa ría, nos que os patróns se viron obrigados a extremar as precaucións na virada da baliza da Punta da Cruz, xa que na segunda volta entraba un mar tendido que obrigou a que os patróns desen mostras de toda a súa pericia no goberno das súas embarcacións”.
Este sábado, día 8, celébrase o campionato infantil de pesca V trofeo Real Club Náutico de Ribadeo, o trofeo Seat-Talleres Armando das escolas de verán de vela lixeira e o XVII trofeo Paradores de vela tradicional. O domingo, día 9, haberá dúas probas, que ambas as dúas cumpren a súa XVII edición: o trofeo escola municipal de vela lixeira, ás 11 da mañá, e o trofeo Deputación de Lugo de vela tradicional, ás 5 da tarde. E o luns 10 disputarase o XXV trofeo Concello de Ribadeo de vela tradicional ás 5 da tarde.
As actividades da Semana Náutica Ría de Ribadeo continuarán nos días sucesivos con máis regatas, unha zalea ao muíño das Aceas e outras actividades ata o día 15, cando concluirán coa entrega de trofeos.