Burela, 9 de xuño de 2017. O alcalde, Alfredo Llano, mantivo hoxe unha reunión con membros da Acia de Burela aos que lles explicou as obras e os cambios realizados en Arcadio Pardiñas. Dixo que primaron a seguridade de peóns e condutores e que se tiveron en conta os informes elaborados pola Policía Local e polos técnicos municipais. O rexedor contou que o encontro foi cordial.
O alcalde asegurou que “foi unha reunión moi amable, sen ningún tipo de problema. Fundamentalmente o que tíñamos todos era interese en mellorar aquela zona. Nós explicamos que o proxecto estaba perfectamente xustificado e non había ningún inconveniente e que estaba todo en orde e así o entenderon. O proxecto que se fixo realmente cumpre con todos os requisitos e normativas legais”.
O rexedor burelés contou que “tamén estivemos falando da supresión dos pasos de peóns que había nunha zona en Arcadio Pardiñas. Xustificámolo en base aos informes da Policía Local e os técnicos que son competentes nestes temas. Creo que quedou moi claro que nosoutros non tivemos ningunha intención de prexudicar a ninguén. O único que fixemos foi estar de acordo coa lei, coa normativa e coas recomendacións que da a Dirección Xeral de Tráfico”.
Alfredo Llano mostroulles cun informe “a cantidade enorme de accidentes que houbo nestes pasos de peóns que se suprimiron. A decisión adoptada foi para asegurar que houbera seguridade tanto para os coches como para os peóns que van por esa zona. Chamoulles a atención que se suprimiran eses dous pasos de cebra, pero están moi ben xustificados co informe da Policía. No futuro xa se irá vendo cómo evoluciona, esperemos que todo vaia ben, que haxa fluidez de peóns e coches, e que haxa seguridade sobre todo”.
O alcalde explicou que “tamén falamos da zona de carga e descarga, quedou xustificado a través do informe, e creo que o entenderon. Onde estaba colocado non tiña sentido dado que ocupaba un carril de circulación, facía obstáculo e prexudicaba a marcha dos coches. Ademais funcionaba máis como aparcamento para coches que para vehículos de carga e descarga especificamente. A carga e descarga que se sacou de aí colocouse uns metros máis adiante e pasamos de 6 metros a unha lonxitude de 15 metros. Estamos preparando un solar no epicentro desa zona para que sexa de carga e descarga e ao mesmo tempo que sexa zona de aparcamentos na que collerán arredor de quince coches. Imos procurar arranxar esa zona moi ben. A nosa intención é poñerlle unha parede nova e que esa zona de carga e descarga teña un acceso diferente ao que hai agora. Imos pintar ese muro e deixar todo axeitado e que anime á xente aparcar alí. Tamén imos poñer un semáforo, aínda que iso non é inmediato porque ten que contar con orzamento, un semáforo para peóns na confluencia de Eijo Garay con Arcadio Pardiñas. Ademais imos colocar un emparrillado na baixada da rúa do Río para que non volva haber inundacións como ten sucedido de xeito tan dramático hai tempo”.
Llano fixo fincapé en que “na reunión explicamos que a nosa intención é clara, sempre de acordo coa normativa e coa lei. Nunca pensamos en prexudicar a comerciantes e particulares facendo as obras que fixemos, todo o contrario estamos procurando darlle dinamismo a esa zona. Tamén aclarei que xa está indicada unha zona para autocaravanas en Torrentes, que está moi preto de Arcadio Pardiñas para que exista fluidez e poidan comprar con comodidade. Polo tanto estamos intentando ordenar aquilo e preparalo para que sexa un atractivo como o resto do pobo, e a xente se mova nos comercios que alí hai instalados”.
O alcalde de Burela considera que “se desvirtuou un pouco esta cuestión e hai algún partido como é o PP que está intentando sacarlle tallada a un malentendido que houbo desde o principio, e a nosa intención é beneficiar a todos os comerciantes de Burela, e estamos dando os pasos para acadalo. A ver se a partir de agora a cousa se normaliza e imos todos collidos da man no avance do pobo, sen pensar en cuestións particulares e desde logo pensando en todo o mundo, sexa comerciante ou particular, estea contento en Burela”.