Burela, 24 de agosto de 2017. O BNG criticou con dureza as irregularidades cometidas polo Concello no Festival de DJ’s celebrado o pasado 4 de agosto, dentro das actividades da Feira do Bonito. Segundo se desprende da documentación á que tivo acceso o Grupo Municipal do BNG, o artista que figuraba como cabeza de cartel, tería cobrado máis da metade do acordado, aínda tendo actuado moito menos tempo do estipulado inicialmente no contrato. Desde a formación nacionalista indicaron que as cláusulas do contrato asinado entre o Concello e o empresa recollían que o artista debía actuar durante 60 minutos por un importe de 6.000€ máis IVE (gastos de aloxamento e manutención a parte). O Sr. Llano accedeu á revisión do contrato con data 9 de agosto para rebaixar o importe da actuación de 6.000 a 3.500€, a pesar de que moitas das persoas que asistiron ao concerto se queixaron de que a actuación non durou máis de 20 min.
O portavoz do BNG, Mario Pillado cualificou como moi graves estes feitos e sinalou que “o Sr. Llano está a demostrar que non está capacitado para seguir á frete do Concello. Non é de recibo que un alcalde aprobe a revisión dun contrato, cando unha das partes incumpre sen causa xustificada unha das obrigas esenciais dese contrato. O que tiña que facer o Sr.Llano é resolver o contrato por incumprimento e non aboar un só céntimo por esta actuación”, dixo Pillado. O portavoz nacionalista indicou que “o máis grave de todo é que o Sr. Llano procedeu a asinar a revisión deste contrato sen os informes preceptivos da secretaría municipal”, cualificando como “temerario e irresponsábel” este xeito de actuar.
O BNG critica a xestión do Sr. Díaz como Delegado de Cultura e pide un xiro de 180º na política cultural do Concello.
A formación nacionalista xa se mostrou crítica no seu día cos concertos programados pola Delegación de Cultura para a Feira do Bonito, polo contido machista dalgunhas cancións e polo elevado prezo das entradas. Segundo indicou Mario Pillado, o Sr. Díaz ocultou información no pleno do 27 de xullo, cando a unha pregunta formulada polo Grupo Municipal nacionalista sobre o custe das actuacións, dixo que “non podía adiantar ese dato”. “Agora, unha vez vista a documentación, sabemos que os contratos teñen data do 8 de maio e do 12 de xullo e que en total os concertos do 4 de agosto ascenden a 10.000€ máis IVE, sen contar os gastos de aloxamento e manutención dos artistas, carpa, equipo de son, seguridade, permisos e licenzas…” sinalou Pillado.
O BNG adiantou que pedirá explicacións ao concelleiro de cultura e que se reformule a política cultural en Burela. “O Sr. Díaz debería pedir desculpas e aclarar cal foi o custe total do Festival de DJ’s, así como repensar o seu traballo á frente da Delegación de Cultura, pois o Concello ten que programar para todos e todas as veciñas, tamén para aqueles e aquelas que non poden asumir o elevado prezo das entradas aos concertos”, concluíu Pillado.