Lugo, 26 de decembro de 2017. O Presidente, Darío Campos Conde, xunto ao Deputado de Goberno Interior, Miguel Sotuela Vega, mantivo este martes un encontro cos representantes das 4 centrais sindicais da Deputación, no que abordaron o acordo unánime ao que chegaron sobre a mellora das condicións laborais dos traballadores do organismo provincial. Por 1ª vez, un Goberno Provincial consegue o respaldo de todos os sindicatos, feito que valoraron como “un acordo histórico nesta institución”.
Campos Conde apuntou que “por vez primeira na Deputación de Lugo chegamos a un acordo de xeito unánime que recolle a meirande parte das propostas que as centrais sindicais, en representación dos traballadores desta administración, fixeron a dito acordo, no que fomentamos a participación directa do persoal da Deputación de Lugo. Fixémolo dentro da nosa aposta por unha Deputación coas persoas, defendemos que no relacionado ao emprego público é necesaria a negociación colectiva e participación directa dos traballadores para establecer as condicións de traballo dos empregados públicos. Dende o Goberno Provincial cremos que a nosa finalidade principal é dar resposta ás reivindicacións e obxectivos dos traballadores e empregados”.
O titular provincial subliñou “a vontade colaboradora de todas as centrais sindicais nun acordo histórico para o persoal que presta os seus servizos nesta administración, dirixida a mellorar as súas condicións laborais”.
“Quero reiterar o meu agradecemento a todos polo traballo realizado para culminar este acordo: ao Deputado Delegado de Goberno Interior, aos representantes das catro organizacións sindicais que integrades a representación dos empregados, á Xunta de Persoal, ao comité de Empresa pedíndolles que fagan o esforzo en trasladar a todos os empregados o contido deste Acordo e ao persoal do Servizo de Recursos Humanos”.
Melloras aos profesionais da Deputación
O acordo chegado entre os sindicatos e a Deputación atópase en período de aprobación inicial. Agora é necesario completar a tramitación de cada procedemento, para posteriormente, abrir o período de información pública e alegacións, para a súa aprobación definitiva. Tal e como apuntaron os propios sindicatos, as melloras máis representativas que inclúe este texto son:
– A creación dunha Comisión Técnica de Avaliación para mellorar o sistema de avaliación do desempeño dos traballadores da Deputación e que é un piar fundamental no que se sustenta a carreira profesional dos empregados provinciais.
– Promoción do sistema de carreira profesional horizontal, establecendo os criterios e obxectivos específicos que permiten a progresión dos traballadores dentro do mesmo posto de emprego.
– Actualización dos contidos e funcións dos postos que conforman a estrutura da administración, columna vertebral da Deputación.
– Fomentar a promoción interna en todos os grupos profesionais, creando 37 prazas, co obxectivo de mellorar a cualificacións dos integrantes do cadro de persoal.
Representación de todos os traballadores provinciais
No encontro celebrado este martes a proposta do Presidente, participaron os representantes de todas as centrais sindicais da Deputación de Lugo. Ademais do titular provincial, Darío Campos Conde, e do Deputado de Goberno Interior, Miguel Ángel Sotuela Vega, participaron o Xefe do Servizo de RR.HH., Manuel García Mel, o Presidente da Xunta de Persoal, Antonio González Chaín, o Presidente do Comité de Empresa, Humberto Paz Rodríguez, Representantes de UGT, Eliseo Rivas Pernas, CCOO, José Manuel Cebral Varela e José Núñez Beloy, CSIF, Mª José Castro Darriba e Milagros Rodríguez Arias, e CIG, Antón Rodríguez Prieto e Nerea Blanco López.