Lugo, 29 de xaneiro de 2018. O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, deu conta este luns da proposta que o Goberno da Deputación leva mañá ao Pleno para a creación dun Consello Provincial de Turismo aberto a todas as entidades públicas ou privadas que desexen sumarse e totalmente participativo. “Nada ten que ver co ente xestor ou consorcio que propón o Partido Popular, que estaría pechado á participación e no que os seus integrantes recibirían remuneracións ou dietas, sendo un novo chiringuito. O Consello de Turismo que propoñemos trátase dun órgano de debate, análise e traballo, totalmente construtivo, no que xerar sinerxías, establecer obxectivos e colaborar en proxectos, asegurando un bo funcionamento do modelo turístico, para que este sector se converta nun verdadeiro referente na provincia, pois consideramos que a suma de esforzos debe ser clave no noso modelo de desenvolvemento turístico”, explicou.
Vidal Baamonde subliñou que “o que propoñemos é crear un órgano participativo, no que poidan ter voz todas as institucións, asociacións ou entidades, tanto públicas como privadas, que desexen sumar para traballar xuntos polo turismo da provincia. Polo tanto, aclarar que isto é un Consello de Turismo e non un ente xestor ou un Consorcio de Turismo, que é a proposta do PP, un modelo no que a participación estaría limitada e que implicaría máis gastos… Outro chiringuito, con órganos de dirección, cos seus salarios e remuneracións…. Nós defendemos un modelo público, útil e pensado para os nosos veciños. Na outra marxe están os intereses especulativos, privatizadores e, dende logo, non pensado nas necesidades dos veciños, que é o modelo do PP”.
O Deputado de Turismo engadiu que “ao igual que fixemos un Plan Estratéxico de Turismo totalmente participativo, coa colaboración de máis de 200 axentes do sector na provincia, e no que todas as propostas foron consensuadas; de novo, reafirmamos a nosa aposta por un Consello que poida servir como foro para a posta en común de novos proxectos e actuacións”.
Unha vez creado o Consello, cada entidade, dende as súas posibilidades e competencias, executará as actuacións consensuadas para mellorar os aspectos que se consideren máis febles e, deste modo, buscar conxuntamente un modelo turístico máis rendible que xere riqueza e emprego na provincia.
Composición do Consello
A composición do Consello será aberta, quedando inicialmente integrado por:
Presidente: Darío Campos Conde
Vicepresidente: a designar.
Secretario: o secretario da Deputación.
Vocais:
– Dous representante do Grupo Político PSdG- PSOE
– Un representante do Grupo Político do BNG
– Dous representantes do Grupo Político do Partido Popular.
– Un representante de cada xeodestino constituído: Presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense, Presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, un representante do Xeodestino Lugo- Terra Chá e un representante do Xeodestino Ancares- Courel.
– Un experto de recoñecido prestixio do ámbito do Turismo, nomeado a proposta do Consello.
– Un representante da Universidade de Santiago de Compostela (Campus de Lugo).
– Un representante do Clúster de Turismo de Galicia.
– Un representante da Axencia de Turismo de Galicia.
– Un representante da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Provincia de Lugo.
– Un representante da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería.
– Un representante da Federación Galega de Comercio.
– Un representante da Asociación Galega de Axencias de Viaxes.
– Un representante de APIT Galicia.
– Un representante da Asociación de Consumidores e Usuarios da Provincia de Lugo (ACUL).
– Un representante de Balnearios de Galicia.
– Un representante da Federación Galega de Turismo Rural.
– Un representante de Auxilia.
– O Xefe da Área de Turismo da Deputación de Lugo.
Funcións do Consello de Turismo
O Consello provincial de turismo ten as seguintes funcións:
– Asesoramento en materia turística.
– Presentar iniciativas turísticas propias e recibir, analizar e debater outras propostas.
– Realizar o seguimento da execución dos plans de desenvolvemento turístico.
– Contribuír á formulación de instrumentos de planificación turística.
– Orientar e deseñar actuacións destinadas á mellora e desenvolvemento da oferta turística para a satisfacción e incremento da demanda.
– Emitir informes e propostas sobre temas da súa competencia.
– Constituírse como comisión de avaliación dos proxectos de desenvolvemento turístico e traballos de investigación sobre materia turística na provincia de Lugo.
– Propoñer e avaliar candidaturas aos premios provinciais de turismo.
– Analizar e valorar os datos e estatísticas do sector na provincia de Lugo.
– Presentar un informe anual das súas actuacións.
– Aquelas outras funcións que, de acordo coa constante evolución do sector, podan serlle asignadas no futuro.







A mostra inaugúrase o luns 19 de outubro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público ata o 19 de novembro. A iniciativa, promovida polo Concello, ofrece unha selección de obras nas que o artista explora a cor, a luz e a expresión contemporánea, consolidando a súa traxectoria dentro deste movemento artístico.
Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.