Lugo, 07 de febreiro de 2020. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantiveron esta mañá unha xuntanza con representantes dos concellos lugueses para informarlles da nova convocatoria do Goberno galego de axudas e subvencións ás entidades locais para a promoción da igualdade, publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado venres.
A Xunta destinará a este programa un importe de máis de 6,4 millóns de euros, o que supón o incremento dun 20% respecto ao ano 2019. En global, ao abeiro da convocatoria pasada, 48 entidades locais da provincia de Lugo recibiron 688.867 euros.
Catro programas de apoio
Ao igual que o pasado ano, a convocatoria que se vén de publicar no DOG engloba catro programas: o de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar; o de promoción da igualdade e de prevención e tratamento da violencia de xénero; o de apoio aos Centros de Información á Muller (CIM); e unha cuarta iniciativa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres. Este último programa está financiado ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e os tres anteriores cofinanciados polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020.
López Abella apuntou que estas axudas están dirixidas a concellos, consorcios, mancomunidades ou agrupación ou asociacións de concellos e que o prazo de presentación de solicitudes é dun mes.
Centros de información á Muller (CIM)
A primeira liña de axudas é o programa de apoio á rede de Centros de Informacións á Muller (CIM) existentes en Galicia, integrada por 82 centros dos que 11 pertencen á provincia de Lugo, é a liña de maior dotación, cun orzamento de máis de 4,4 millóns de euros. Cada entidade pode recibir como máximo 45.000 euros e ata 120.000 euros no caso das peticións conxuntas.
No caso de Lugo, na pasada convocatoria os 11 centros que funcionan na provincia recibiron 493.000 euros que contribuíron ao mantemento de 28 postos de traballo. Ao abeiro deste programa financiarase a atención a mulleres en situación de especial vulnerabilidade por profesionais do CIM que ocupan os postos de traballo de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.
Fomento da conciliación
Outro das liñas apoiadas é o programa de fomento da conciliación, que permitirá ás entidades locais beneficiarias tomar medidas para fomentar a corresponsabilidade entre mulleres e homes a través da conciliación dos seus tempos persoais, laborais e familiares. Esta liña tamén financiará os bancos de tempo coa finalidade de facilitarlles ás persoas empadroadas no correspondente concello esta conciliación a través dun sistema articulado de intercambio destinado a subministrar servizos e/ou coñecementos, entre mulleres e homes, cuxa medida é a hora de tempo. Conta cun orzamento de 800.000 euros. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 12.000 euros no caso de solicitude individual, e ata 22.000 euros se é unha solicitude para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de varios concellos.
Na pasada convocatoria, a provincia luguesa recibiu case 108.000 euros para financiar accións en 11 concellos.
Promoción da igualdade e prevención integral da violencia de xénero
A segunda liña de axudas está destinada ao programa de promoción da igualdade e prevención e tratamento integral da violencia de xénero, grazas á cal as entidades locais poderán subvencionar accións de intervención orientadas a mellorar a situación das mulleres vítimas de violencia de xénero, das súas fillas e fillos, así como das persoas delas dependentes e actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual, en xeral, e a prostitución en particular. O orzamento desta liña de axudas é de 352.000 euros, e a contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 10.000 euros no caso dunha solicitude individual, e de 20.000 euros se é unha solicitude conxunta de varios concellos.
Na convocatoria anterior (2019) tres concellos recibiron para este concepto 12.300 euros.
Pacto de Estado
A convocatoria publicada este ano mantén o programa que se incorporou en 2019, financiado no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, para levar a cabo medidas de sensibilización, información e difusión sobre a promoción da igualdade e a prevención e rexeitamento da violencia contra as mulleres. Na convocatoria deste ano destinarase 800.000 euros a esta liña, para a que se establece cunha contía máxima de 8.000 euros cando se trata dunha solicitude individual e de 10.000 euros para a xestión compartida.
Ao abeiro desta liña 15 concellos de Lugo recibiron axudas en 2019 cun orzamento de máis de 76.580 euros.























Entre as 10:00 e as 14:00 horas haberá arredor dunha decena de postos con produtos agroecolóxicos e de proximidade, ademais dun punto informativo para persoas interesadas en emprender no sector e actividades infantís. A alcaldesa Marta Rouco destaca que a feira busca dar vida ao centro da vila e visibilizar o rural como espazo de emprendemento, mentres que a concelleira Paula Vigo salienta a colaboración con A Estruga para ampliar a oferta habitual do mercado. O Concello anima á veciñanza a achegarse e coñecer os proxectos participantes.
Nesta ocasión, o grupo desprazouse ata A Pontenova para realizar un percorrido de 17 quilómetros que combinou a Ruta dos Fornos, a Ruta do Ferrocarril e a Ruta do Muiñeiro Namorado. A actividade, de dificultade baixa, iniciou o seu percorrido na Praza dos Fornos da Pontenova e rematou en San Tirso de Abres.
A programación do último trimestre inclúe Maiores con Arte, Moito máis que café, Entre risas e animación domiciliaria. Tras os obradoiros iniciados en maio, o Concello mantén o contacto cos participantes e leva as propostas ás asociacións para facilitar novas incorporacións. Na presentación explicaranse as formas de participación e os servizos dispoñibles. O programa conta co apoio da Consellería de Dereitos Sociais e Benestar do Principado de Asturias.
O paseo comezará ás 20:00 h na rúa San Francisco, ao pé da igrexa, para continuar pola Praza de Abaixo e a rúa Antonio Otero, até chegar á Praza do Patín, xunto á Biblioteca Municipal El Viejo Pancho. Alí, ás 20:30 h, dará comezo a presentación da obra. A organización lembra con afecto as anteriores visitas de Souto a Ribadeo e confía en que, unha vez máis, se vivirá unha tarde especial guiada polo enxeño creativo do coruñés de Monte Alto, galego universal que levou as nosas letras polo Mar de Irlanda e polas corredoiras máis recónditas do país. A actividade está organizada pola A.C. Francisco Lanza.
O espectáculo participativo A verbena de antes -con O Xeito e Airiños da Freba-, ao mediodía, e unha mostra etnográfica e as actuacións de Amado Lar e A Volta do Agro, pola tarde, protagonizaron o último día das Xornadas, pensadas como un punto de encontro da cultural tradicional galega,e especialmente da comarca da Mariña.
A actividade permitiu aos nenos e nenas gozar dun espectáculo de maxia pensado para transmitir, dun xeito ameno e divertido, valores relacionados coa igualdade, o respecto, a convivencia e a eliminación de estereotipos. Con iniciativas como “Abrazando a igualdade”, o Concello de Xove continúa apostando por achegar aos máis pequenos actividades educativas diferentes, propostas culturais e de lecer nas que a cultura, a diversión e a transmisión de valores van da man.
Félix Jorquera conversou co alcalde, Fran Cajoto; coa concelleira de Cultura e Facenda, Inés López; con Pura García, que é directiva de Acia Foz-CCA; con Carmen Alonso, presidenta do Celtas de Foz; e coa dona da cafetería Marexada, Palmira Andrade. Con eles fixo balance do verán, que todos valoraron de xeito positivo, e analizou os proxectos para os vindeiros meses.



